A deputada Noa Presas trasladou ao Parlamento a necesidade de que a Galiza de 2018 abra un debate sobre o desenvolvemento da Lei de violencia “para que as violencias sexuais estean tamén no centro das actuacións xudiciais, en particular á vista da preeminencia dunha conduta patriarcal na xustiza e da necesidade de dotármonos dun sistema xudicial con perspectiva de xénero”.
O polémico caso da sentenza da manada demostra até que punto é preciso esa perspectiva de xénero tamén na Administración de Xustiza, pero pese a todo o que queda por facer, “a Xunta carece dunha folla de ruta para avanzar no recoñecemento real da violencia sexual como violencia machista”.
Presas salientou que a lexislación estatal “é moi inferior á do noso país e iso supuxo un lastre para Galiza”, e o pacto de Estado contra a violencia machista parecía que ía corrixirse algunha cuestión, “pero un ano despois continúa a ser papel mollado”. E neste contexto, o BNG insta á Xunta a que bote man da comisión de seguimento para ser esixente co Goberno central e tentar sortear eses lastres.
Sobre o papel, alegou a deputada nacionalista, Galiza leva unha década á vangarda, “pero non foi capaz de trasladar á sociedade que a sexual é violencia, nin pode estar satisfeita co desenvolvemento da lei galega neste ámbito, nin se ten trasladado aos instrumentos de prevención e intervención”.
O BNG denuncia falta de información e investigación para coñecer a incidencia real da violencia sexual e actuar contra ela de forma efectiva. “O pouco que sabemos é polas denuncias de tal xeito que o Balance de Criminalidade do Ministerio de Interior rexistra para o último ano completo 44 denuncias por violación con penetración en Galiza e 415 por outros delitos sexuais”.
“Cos feitos denunciados na man, sen pensar en cantos quedan en silencio, temos case unha violación á semana e máis dunha agresión sexual ao día”, sintetizou, ao tempo que subliñaba a urxencia de avaliar se os protocolos funcionan para a violencia sexual e se esta é abordada de forma integral.
Presas fixo referencia a ámbitos sensíbeis, como as forzas do Estado, o ámbito xudicial e o ámbito da sanidade, e advertiu que non se está actuar “de forma correcta na sensibilización social”, polo que pide a Xunta que centre o seu labor en contribuír a manter na sociedade o debate aberto sobre o consentimento e contribúa tamén a romper tópicos. Por exemplo, “máis dun 80% das violacións son cometidas por parella, coñecidos ou familiares”, argumentou.
“O foco sobre a violencia sexual é un reto inmediato diante do que a Xunta nin ten desenvolto a Lei galega de violencia, nin está a aproveitar a aprendizaxe desta década, nin os avance dos debates na rúa. Se teñen vontade de facer autocrítica, aquí estaremos con propostas e responsabilidade”, concluíu Presas.
Durante años, hacer escala era casi una mala noticia. Más horas sentado, más cafés caros,…
El caso exige investigación hasta el fondo, pero también exige no confundir un auto judicial…
El portavoz de ERC ya no insinúa: quiere encabezar una confluencia estatal y soberanista mientras…
El ministro ultraderechista exhibe a centenares de activistas maniatados como trofeos de guerra mientras Europa…
La presidenta madrileña ha llevado al Supremo un relato construido sobre medias verdades y miedo…
Bruselas firma unos aranceles del 15% contra Europa mientras mantiene abierto el mercado europeo a…