BNG | Redacción Galiza

A deputada por Ourense, Noa Presas protestou hoxe na comisión de Industria pola  sistemática “falta de transparencia na información” do Goberno galego sobre os datos relativos a subvencións a empresas do sector da automoción que impide avaliar os fondos públicos destinados a fixar emprego de calidade e contra a deslocalización do sector.

O BNG, dixo, Presas  leva denunciado  repetidamente a ocultación de información   sobre 34 empresas das que  “non obtivemos ningunha resposta”. Comezada a X lexislatura, explicou a nacionalista, reiteramos  en tres ocasións esta  información, rexistramos  preguntas orais e escritas no ano 16  e  través do artigo 9 reclamamos   coñecer as contías exactas  das empresas beneficiarias. Hai  un ano, engadiu,  formulamos unha pregunta ao goberno por esta cuestión á que o Secretario xeral Técnico, Borja Verea Fraiz respondeu que foron destinados 40 millóns de euros a través do IGAPE e AGAIN pero eludiu facer unha relación “in voce” da información solicitada polo BNG.

Transcorrido máis dun ano, seguimos agardando por esta relación de datos desagregados, un compromiso do propio  secretario xeral. O goberno presume moito de transparencia pero  non cumpre co que se lle reclama”, e incorre nun novo exercicio de “opacidade”, manifestou.

“Aburridas de non obter a información solicitada traemos esta proposta, a ver se se atreven a votar en contra ou a aprobala e non cumprila” algo, dixo,  que tampouco nos sorprendería porque son vostedes bastante afeccionados a facelo.

Queremos saber que contías recibiron de diñeiro público as empresas da relación que lle entregamos para avaliar que impacto tivo o diñeiro público investido en período de crise e avaliar se o seu retorno foi destinado  a fixar emprego,  a I+D+i  e  para que empresas de matriz galega se desprazaran cara Portugal

O da automoción é un sector tractor da nosa economía, reiterou Presas,  un sector chamado a continuar no futuro e a ter que acometer, ademais, no curto e medio prazo, un importante camiño tanto na renovación, innovación e adaptación ao cambio enerxético como ao  progresivo abandono dos combustíbeis fósiles.

O impacto económico do sector da automoción situase no  14% do PIB de Galiza, e o 31% das exportacións do noso país, o que demostra que  “ hai mercado, potencialidade, experiencia, formación, empresas referenciais e un escenario de  saída da recesión”.

A deputada defendeu a través da proposición non de lei instar á Xunta de Galiza a remitir aos grupos parlamentares, no prazo dun mes, un informe desagregado sobre as axudas, subvencións e convenios de colaboración que estabeleceu a Xunta de Galiza coas principais empresas de automoción.

Noa Presas demostra cun ordenador que resulta imposible acceder ás axudas na páxina da Xunta

Pola súa parte, a portavoz popular, María Novo afirmou que as axudas son públicas ao que a deputada do BNG replicou que resulta imposible acceder a elas polo que utilizou na comisión o sei ordenador para abrir a páxina aludida por Novo e demostrar que “non é posible” acceder aos datos  das subvencións como asegurara o Partido popular.

A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polos votos en contra do Partido popular.

 

Deja un comentario