Nova protesta do persoal de limpeza dos colexios de Ourense

O persoal de limpeza dos colexios públicos do Concello de Ourense volverase a concentrar diante da casa consistorial mañá mércores, 13 de febreiro. Con esta acción, rexeitan a intención do Goberno local de dividir en lotes a futura concesión do servizo.

Casa do Concello de Ourense | Foto: Wikipedia

Malia que a licitación en varios lotes é dunha posibilidade permitida pola Lei de contratos do sector público, «nada obriga a facelo deste xeito», aseguran desde CCOO.

Desde CCOO xa lle indicaron aos responsables municipais que se oporán á fragmentación do servizo, xa que «empeorará notablemente» as condicións laborais. Cómpre lembrar que a maioría do persoal son traballadoras con contratos a tempo parcial, que complementan a xornada realizando traballos en distintos colexios, posibilidade que perderían de adxudicaren os diferentes lotes a varias empresas.

Desde CCOO tamén alertan das dificultades para defender os dereitos laborais, pois podería darse o caso de, por mor da división, non acadaren o número mínimo de traballadoras esixido pola lei e non poderen elixir representantes do persoal.

Deja un comentario