Os grupos parlamentarios da oposición no Parlamento galego fan público un comunicado conxunto en protesta pola decisión da dirección da Corporación da Radio e Televisión de Galicia de non retransmitir en directo a sesión da Deputación Permanente celebrada no Parlamento o venres 3 de abril, na que se debatiu a problemática xerada pola crise do COVID-19.
No seu escrito, o PSdeG-PSOE, o Grupo Común da Esquerda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Grupo Mixto recordan que os medios públicos teñen a responsabilidade, tanto “profesional” como “legal” de achegar á cidadanía unha información “plural”, “obxectiva” e “sempre guiada por criterios de imparcialidade, neutralidade e veracidade” e que se debe prestar “especial atención” a todos aqueles debates que se realicen na Cámara galega, tal e como se recolle na Lei de creación da CRTVG, a Lei de medios públicos audiovisuais de Galicia e no Mandato Marco da CRTVG.
ESTASE A FURTAR INFORMACIÓN Á CIDADANÍA
Para os grupos parlamentarios “resulta incomprensible que ante unha crise sanitaria sen precedentes que se ten cobrado a vida de máis de 10.000 persoas, a televisión pública que os galegos e as galegas sufragan con 100 millóns de euros cada ano furte información sobre as propostas das formacións políticas para combater a pandemia, tanto no aspecto sanitario como económico”.
Segundo denuncian, mentres este venres se estaban a debatir no parlamento medidas para afrontar a crise, “a TVG emitía un programa de cociña explicando a alaboración dunha receta culinaria, anuncios da teletenda e o resto da programación ordinaria” por decisión da dirección do ente público, “con Alfonso Sánchez Izquierdo como principal responsable”.
Para os formacións políticas “é intolerable que, mesmo no medio dunha pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do Partido Popular”.
Para
ás forzas, “o dereito á información é un dereito fundamental que debe
ser garantido en calquera situación e contexto, pero aínda máis en
momentos de excepcionalidade”. Por iso “a decisión de censurar o debate
parlamentario supón de facto unha vulneración dese dereito, porque
impide o dereito das galegas e galegos a coñecer, contrastar e
reflexionar sobre a acción política do Goberno da Xunta en relación á
crise polo COVID-19 e, tamén, negar o acceso ás opinións, posicións e
propostas dos distintos grupos parlamentarios”.
RESPONSABILIDADE
Por iso, os grupos parlamentarios solicitan á dirección da CRTVG “que actúe con responsabilidade de país, tendo en conta que se debe ao pobo galego e non aos intereses partidistas do PP” e esixen que facilite que os medios públicos galegos cumbran coa súa misión de servizo público “garantindo unha información de proximidade que respecte os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa”.
SOLIDARIEDADE CO PERSOAL DA CORPORACIÓN

Para finalizar, as forzas políticas desexan trasladar a súa “solidariedade e apoio” aos traballadores e traballadoras da CRTVG “que tentan facer o seu labor con profesionalidade e rigor”, que que xa levan “98 venres negros” para denunciar a manipulación informativa “e en defensa dunha RTVG ao servizo da sociedade galega”.