A Asociación Ambiental Salvemos Cabana alerta que si a Xunta de Galicia chega a dar luz verde ao parque eólico O Cerqueiral, que Greenalia Wind Power pretende instalar nos concellos coruñeses de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, varios núcleos rurais destas localidades terán que convivir nunha área de cinco quilómetros con outros sete proxectos “conformando unha tea de araña de pistas de acceso e infraestruturas asociadas que supoñerán un evidente prexuizo a nivel social e ambiental para as poboacións directamente implicadas” nas comarcas de Bergantiños e Xallas.

Segundo se desprende da análise efectuada polo colectivo da documentación do proxecto, que plantexa instalar 6 aeroxeradores de 178,5 metros de altura en punta e 4,5 MW de potencia nominal unitaria, estes terán que compartir espacio con outros 53 aeroxeradores de varias compañías “nunha área territorial moi reducida”, o que pode resultar en “fortes impactos sinérxicos e acumulativos para as aldeas afectadas”.
Así, dente a entidade informan que nun radio de tan só 5 quilómetros atópanse xa en funcionamento ou en proceso de tramitación os parques eólicos Silvarredonda (Naturgy), Fontesilva I e II (EDP Renovables), Zas- Meda (Desenvolvementos Eólicos de Galicia S.A.), Campelo e Monte Toural (Greenalia) e Barilongo (Engasa).
O colectivo advirte de que “esta inundación de parques eólicos permitida pola Xunta primando o negocio privado sobre o interés veciñal afectará sen remedio a aldeas como Padrín, O Rueiro, A Brañeira, Couso, Esternande, A Ribeira e Pereiras con imprevisibles consecuencias para os seus habitantes” dado que “si xa de por si un único parque eólico con aeroxeradores de gran porte supoñería un problema polos moitos efectos indesexados derivados da súa implantación coma o ruído de fondo, o efecto sombra ou o impacto electromagnético, semellante invasión de turbinas eólicas e infraestruturas asociadas pode dificultar seriamente a habitabilidade de esta zona rural chegando a fomentar co tempo o seu abandono e despoboamento”.
Mentras isto acontece, para Salvemos Cabana resulta “lamentable” a utilización de fondos públicos por parte do Goberno galego en campañas de propaganda para “vender” de seguido unha “Galicia 98% rural” ou unha “Galicia Verde” e que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, fale en público de “sostibilidade ambiental” dos parques eólicos “mentres Galicia afronta unha avalancha de proxectos impulsada pola Xunta de imprevisibles consecuencias para o futuro e inasumibles efectos no presente ao afectar de maneira directa tanto a sectores produtivos básicos como ao recurso turístico”.
A BURBULLA ESPECULATIVA DAS RENOVABLES EN GALICIA, UN PRESTIGE 3.0
Para a entidade a día de hoxe Galicia “afronta un novo Prestige, pero neste caso un Prestige 3.0”, logo do “dramático naufraxio” do petroleiro en 2002, a continuación pola “invasión mineira en proxectos inasumibles coma Corcoesto” e, na actualidade, “un aluvión eólico incontrolado froito da burbulla especulativa que vive o sector das enerxías alternativas, cun Executivo autonómico do PP que en vez de protexer desprotexe o territorio -chegando a cambiar si é preciso o corpus lexislativo-, facilita sen taxao interés privado fronte ao interés xeral e permite unha e outra vez a afronta á mesta terra ‘riseira, fecunda e fermosa’ que con tanta paixón en empeño cantou Rosalía de Castro ao longo da súa vida”.