Anova denuncia que o Executivo de Feijóo desatende a protección dalgúns dos espazos máis ambientalmente sensibles e representativos de Galiza para favorecer o rendemento económico privado de directivos e investidores das multinacionais do sector extractivo.
Neste senso, e pese ás manifestacións públicas de representantes do Goberno galego como as da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais Paula Uría sobre a defensa da “minería sostible”, a realidade é ben distinta xa que a Xunta de Galicia leva anos sendo cómplice e mirando cara outro lado ante as agresións ambientais e incumprimentos legais por parte de diversas explotacións mineiras.
Do mesmo xeito que Anova leva anos denunciando que a avalancha eólica do oligopolio eléctrico estase a producir en Galiza sen a normativa nin os instrumentos de protección necesarios para preservar os valores ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e os dereitos da xente do rural, cómpre alertar que ante un contexto mundial onde está a medrar a presión das mineiras para a extracción de recursos nun contexto especulativo de alta rendibilidade económica para as grandes empresas o Goberno galego segue a manter a mesma política de laxitude ambiental e completa falta de planificación.
Un dos exemplos máis evidentes desta situación é o caso de Touro, onde a Atalaya Mining tenta facer realidade unha megamina de cobre a ceo aberto, pero tamén hai outras situacións equivalentes como a provocada pola multinacional australiana Rafaella Resources en Santa Comba e San Finx.
Para un Goberno responsable Galiza debería contar con todos os instrumentos necesarios para garantir a protección da biodiversidade, dos recursos hídricos, da paisaxe e da cidadanía, algo que sen embargo non está a suceder pola lamentable política da Xunta en materia de Enerxía e Minas.
A realidade a día de hoxe é que Galiza carece da normativa e da vontade política de controlar que a actividade mineira non supoña unha ameaza a nivel territorial, como demostra a total ausencia de exemplos de restauración mineira feitos conforme á Lei e os casos de afección paisaxística e contaminación dispersos por toda a xeografía galega pois a contaminación mina de Touro, a desfeita do Monte Neme, as irregularidades de San Finx ou o que está a acontecer na comarca de Valdeorras -co brutal impacto das louseiras sobre a paisaxe e os ríos- son só exemplos representativos da total ausencia de control por parte da Xunta de Galicia.
Cunha Lei do solo que rebaixou as esixencias permitindo o establecemento da actividade mineira prácticamente en calquera lugar do territorio, a ausencia dunha proposta de ampliación da Rede Natura, desprotexendo de facto as mellores paisaxes naturais de Galiza, a carencia dun plan real de conservación e recuperación de especies ameazadas e en perigo de extinción ou o desleixo coa catalogación dos zonas húmidas son eivas fundamentais que mostran a vulnerabilidade na que o Partido Popular deixa ao territorio galego ante o incremento da presión das grandes transnacionais mineiras.
Por non cumprir, o Goberno galego nin cumpriu coa obriga lexislativa de elaborar o Plan Sectorial de Actividades Extractivas (PSAEG), que segundo a Lei 3/2008, de ordenación da minería, ten que ser o máximo instrumento de planificación e ordenamento neste ámbito.
Anova recorda que son xa 13 anos incumprindo a Lei porque Alberto Núñez Feijóo e o seu Goberno prefiren un réxime de semiclandestinidade sen aclarar nunca as súas intencións, como cando no ano 2013 sacou a información pública unha proposta do PSAEG que tivo que retirar ante o escándalo que provocou o seu contido, que daba barra libre ás empresas mineiras a costa da desprotección territorial de Galiza.
Dende entón, do único que se teñen certezas son dos constantes escándalos provocados pola opacidade e complicidade da Xunta coa actividade ilegal de determinadas empresas mineiras, denunciadas por colectivos e institucións, nomeadamente o Defensor del Pueblo, que chegou a considerar ao actual Goberno da Xunta como “Administración non colaboradora ou entorpecedora”.
Anova considera que uns recursos limitados coma os minerais, cuxa explotación supón o seu esgotamento, non poden ser xestionados baixo o prisma da cobiza do gran capital senón que debe primar o Principio de Cautela ou Precaución e unha planificación racional que teña en conta as necesidades humanas e non as especulativas, tendo en conta unhas condicións que protexan tanto os valores ambientais como as actividades agrogandeiras, forestais e o turismo sostible favorecendo deste xeito un desenvolvemento ordeado do eido rural que garanta a protección ambiental, a saúde pública e o mantemento do tecido social.