Entidades da Comarca de Bergantiños critican a “evidente falla de control” por parte da Deputación Provincial da Coruña ao permitir que este recinto de interpretación da prehistoria volva a ser utilizado estes días como “salón parroquial” dependente “dos caprichos e intereses” do rexedor cabanés José Muíño e o seu asesor cultural José Mª Varela nunha exposición de traballos manuais que en absoluto gardan relación co contexto prehistórico do monumento.
Asociacións e colectivos como Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Cova Crea, Ouriol do Anllóns e Chan de Borneiro consideran que unha vez máis o Dolmen de Dombate e o seu centro de interpretación veñen de converterse nun “punto negro” da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, ao considerar que esta instalación museística tería que estar “estrictamente vinculada” ao monumento que acolle e a súa época, constituíndo un referente do estudo e interpretación do período neolítico e non un mero instrumento ao servizo do interés electoralista do Partido Popular.
Así, apelan ao expresado no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico, que invita a estabelecer “procedimentos apropiados de control administrativo e científico” sinalando que a necesidade de protexer o patrimonio arqueolóxico debe quedar tamén reflectida “nas políticas de desenvolvemento cultural” e fai referencia a que hai aínda que debe asegurarse a apertura ao público de emprazamentos arqueolóxicos, hai que velar porque isto “non afecte negativamente ao carácter arqueolóxico e científico de tales emprazamentos e a súa contorna”.
PROFESIONALIZACIÓN DO XACEMENTO
Doutra banda, as entidades insisten que ante esta situación, tolerada “dende fai anos” tanto polo ex-deputado provincial de Patrimonio Xesús Soto Vivero (BNG) como polos actuais responsables a fronte da área de Cultura a fronte da Deputación da Coruña, “urxe a transferencia á Xunta de Galicia do monumento na súa totalidade” e a incorporación dun equipo de profesionais “que saiba poñer en valor a entidade arqueolóxica do enclave e a relevancia que este debería ter dentro do contexto megalítico europeo”.