A través da súa deputada e portavoz de pesca, Montse Prado, o BNG acadou hoxe un acordo no Parlamento galego para abrir unha liña de axudas destinadas á flota do xeito ante a prohibición da pesca da sardiña.

O punto aprobado por unanimidade ía acompañado de dúas reclamacións que foron desestimadas polo Partido popular referidas a excluír a arte do xeito e do racú da prohibición de poder pescar sardiña e exercer as competencias exclusivas contempladas no artigo 27.15 do Estatuto de Autonomía sobre “a pesca nas rías e demais augas interiores” e polo tanto, blindar á pesca artesanal contra os TACs e cotas impostas desde a Unión Europea e o Goberno de Madrid.

Na defensa da iniciativa, Prado manifestou que a pesca de baixura “sóbralle ao Partido popular e tamén ao goberno de Madrid” e ningún dos dous gobernos, dixo, “ fan o que lles corresponde” porque o que buscan é “a desaparición dun sector estratéxico para moitas vilas e persoas do noso país”.

Ao BNG e ao sector, engadiu resúltalles “inconcibible” que o propio sector presente un recurso contra a decisión que impide a 236 embarcacións traballar ao xeito baixo a xustificación de que nos últimos anos non o fixeron. Prado explicou que a razón para non desenvolver esa actividade foi a falta de recurso e cota. Para a deputada, dende Madrid “sacáronse da manga” unha medida que non foi aplicada a outras pesquerias.

A prohibición repercute gravemente ás embarcacións xeiteiras que teñen no seu Permex esta arte e que no conxunto do país son, aproximadamente 427 ás que hai que sumar unha ducia de racús localizadas principalmente en portos das rias baixas: Rianxo, Cambados, Illa de Arousa e Redondela.

A deputada tamén criticou “o desleixo” do Goberno galego co sector co que non mantivo ningunha xuntanza para apoiar as súas reivindicacións dende todo punto de vista, dixo, “xustas” e ante un “atropelo” que non se debe permitir.

A nacionalista explicou que a cifra de quilos capturada polo xeito durante un ano é a mesma que a doutra especie capturada nun día por outras artes polo que pediu ao Goberno galego estar “ao lado dun sector que reclama unhas rendas dignas e poder comer do seu traballo”.

Montse Prado agradeceu o apoio das forzas políticas ao punto da iniciativa nacionalista votado favorablemente e gardamos, dixo, que este compromiso sexa real para que o sector poda acceder ás axudas

Original Article

Deja un comentario