O BNG acadou hoxe un acordo unánime na comisión de Educación é Cultura, a través dunha proposición non de lei defendida pola deputada, Olalla Rodil instando á Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias diante do Goberno español para iniciar, no menor tempo posíbel, a declaración da Ponte de Cruzul (Concello de Becerreá) como Ben de Interese Cultural, (BIC).

Na defensa da iniciativa aprobada hoxe, a parlamentaria lembrou que o recoñecemento de ben cultural da Ponte de Cruzul “ é unha vella demanda da veciñanza de Becerreá que no ano 2009 propuxo a declaración BIC deste importante ben patrimonial, considerado único na provincia de Lugo”

A Ponte de Cruzul, explicou a nacionalista pertence ao século XVIII e posúe tres arcos de medio punto converténdoa nunha das infraestruturas máis valiosas do Camiño Real. Para a deputada, a maleza e deterioro da ponte fai necesaria a súa urxente protección polo que mostrou a súa satisfacción ante o acordo alcanzado hoxe en comisión.

Rodil lembrou que a solicitude para declarar BIC a Ponte de Cruzul foi realizada no ano 2009, 2015 e 2017 sen que fosen atendidas por parte do Goberno español, titular da infraestrutura. Agora, manifestou, “agardamos que este acordo sirva para que as demandas sexan escoitadas e a tramitación iniciada,” concluíu.