O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini), trasladou hoxe ao Parlamento a preocupación  dos veciños e veciñas do concello de Sobrado dos Monxes tras detectar irregularidades no transporte, almacenamento e distribución de lodos de diferente procedencia e partidas de produtos que pasan por  seren fertilizantes e cumpren a normativa legal.

Na súa intervención, Rivas afirmou que no mes de agosto do 2019 foron observadas “irregularidades” nas “balsas clandestinas  de falsos fertilizantes” que cualificou de “lodos de depuración sen tratar” e acusou ao goberno galego de “conivencia” co negocio dos residuos o  que provocou que o portavoz popular, José Pazos Couñago increpara de maneira bronca ao nacionalista afirmando que esas acusacións eran falsas e de ser certas acudira ao xulgado. Pola súa parte, Rivas reiterou as acusacións de “conivencia” e  replicou  que a situación que viven os veciños e veciñas de Sobrado dos Monxes debe ser tratada “politicamente” no Parlamento galego e nesta institución, “buscar unha solución”. Ademais, nas preguntas  formuladas por un deputado ou deputada ao goberno  ningún outro deputado pode intervir nin ten quenda para facelo pero aínda así, o deputado popular continuou reclamando unha rectificación ao nacionalista que continuou   mesmo nos corredores da Casa do Hórreo

Rivas preguntou ao goberno sobre o seguimento  do que denominou  “trasegos de lodos de depuración” e pola protección  das balsas despois de varios vertidos. O deputado do BNG  lamentou que unha vez máis, a directora xeral de Medio Ambiente responderá cos mesmos argumentos utilizados noutra pregunta parlamentaria afirmando que eran fertilizantes. Nese momento, o deputado do BNG preguntou polas razóns que levaron ao baleirado e selado de dúas das balsas tras realizar diversas analíticas, cuestión á que a responsable de Medio Ambiente non respondeu.

Por outra parte, Mini  asegurou que nalgunhas parcelas, durante os últimos dez anos, foron atopados preservativos e limpa-orellas o que indica que non só eran depositados fertilizantes. É unha responsabilidade de Medio Ambiente velar polo seguimento dos  lodos de depuración até a planta para o seu tratamento, e tras converterse en fertilizantes son competencia de Medio Rural pero constatamos que existe un “baleiro legal” e a “pelota vai dunha consellería a outra”. O parlamentario asegurou que estamos ante vertidos que poden ser constitutivos dun delito. Sabemos, dixo, que hai denuncias neste sentido pero todo indica que sempre fican no fondo dun caixón e non prosperan.

O parlamentario do BNG criticou a “dobre vara de medir do Partido popular e a falta de vixilancia e control a respecto destes produtos” polo que volveu a pedir medidas ao goberno para frear o risco para  saúde humana e alimentaria.