O deputado do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno tras a publicación do informe do Consello da Cultura Galega f sobre a Lei de rehabilitación, elaborado a petición  do Comité Español do ICOMOS,  e denunciou “o veto” do grupo parlamentario  popular a que o Consello da Cultura galega participara na tramitación da Lei.

Vídeo Recomendado:

Bará explicou que unha vez aprobada a lei, o ICOMOS (organización internacional de defensa do patrimonio asociada á UNESCO)  solicitou o informe do Consello sobre  aspectos patrimoniais da lei tras  detectar que  “artigos que van máis aló do contido na lei estatal, sobre  actuacións en núcleos históricos e edificios catalogados”. Segundo a comunicación do ICOMOS ao Consello, “estes artigos poñen en risco a conservación dos valores patrimoniais de núcleos e conxuntos incluídos na lista do Patrimonio da Humanidade como  o da cidade histórica de Santiago de Compostela.

O deputado do BNG asegurou que  o informe resulta “demoledor” en relación á desprotección do patrimonio cultural ademais de sinalar  contradicións entre a Lei de rehabilitación, a de  Patrimonio cultural de Galicia e a Lei do solo, ambas do ano 2016.

Entre os aspectos máis negativos da norma, explica o nacionalista, o CCG destaca: A exclusión do criterio de mantemento da trama urbana, das aliñacións e rasantes existentes nos conxuntos históricos, utilización conxunta de portais e núcleos de comunicación vertical, regularización e agregado de parcelas, unión de locais de negocio nas plantas baixas de varias edificacións e a permisividade á hora de baleirar os interiores dos edificios.

En opinión do deputado, o informe finaliza cunha afirmación “extraordinariamente preocupante” ao sinalar que a lei establece normas de aplicación directa sen que exista a garantía dese catálogo e polo tanto  “pon en risco de perda, destrución ou deterioración moitos dos bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia”.

Na réplica ao director Xeral do Instituto de Vivenda e Solo que negou o veto ao Consello da Cultura Galega, o deputado reiterou que “o veto existiu” e pódese demostrar porque os grupos parlamentares solicitaron por escrito a comparecencia do CCG en sede parlamentar e o grupo maioritario do Partido popular impediu esa posibilidade contemplada no regulamento do Parlamento galego.  Vostede, dixo, “non pode dicir que non houbo veto, non pode faltar a verdade” nin tampouco afirmar que puido intervir como calquera outra entidade, iso, remarcou Bará, “é un disparate”. O Consello da Cultura Galega forma parte do entramado institucional do autogoberno galego realizando funcións de asesoramento e preservando os valores culturais galegos, “non é como calquera outra entidade” porque ten moi definidas as súas funcións, aseverou.

Finalmente, o deputado do BNG, tras cualificar o veto de “feito moi grave” asegurou que existe inseguridade xurídica e unha clara contradición entre a lei de Rehabilitación e a lei de Patrimonio cultural.