O BNG apoia a folga convocada por todas as organizacións sindicais do ensino para o 12 de decembro pola recuperación do horario lectivo do profesorado, de tal xeito que as 37 horas semanais se distribúan traspasando horas de docencia nas aulas a incrementar o tempo de traballo que os e as docentes realizan para outro tipo de tarefas como a preparación das materias ou a corrección de exames.

En concreto, a día de hoxe, a Xunta ten establecido un reparto de 20 horas lectivas para secundaria e 25 para primaria e o profesorado demanda recuperar ás 18 horas lectivas en secundaria e as 20 en primaria, convencido de que iso melloraría a calidade do ensino a favor do alumnado.

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, acusou ao presidente da Xunta de ser “o alumno avantaxado do PP á hora de recortar dereitos ao profesorado e, ademais dos recortes salariais, da imposición de taxas de reposición e da destrución de postos de traballo no ensino público, en 2011 a Xunta aumentou o horario lectivo do profesorado incumprindo o acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais en 2007”.

Esta decisión foi adoptada antes mesmo de que o Ministerio de Educación impuxese en 2012 o mínimo de 20 períodos lectivos en educación secundaria e 25 en primaria, “incorrendo ademais nunha invasión competencial sen precedentes”. Rodil considera que a Xunta non ten ningún argumento para manter o incremento lectivo, despois de que o Executivo central rectificase ese reparto das 37 horas de traballo semanal que realizan o persoal docente, “pero aínda así o Goberno de Feixóo continúa negándose a atender as demandas do profesorado”.

O BNG considera que atender as demandas do profesorado “permitiría incrementar os postos de traballo, especialmente en secundaria, favorecer os desdobres e agrupamentos para unha mellor calidade e atención educativa así como reducir o número de docentes que actualmente están a impartir materias afíns das que non son especialistas”.
Por iso, o Bloque traslada o seu apoio á xornada de folga do 12 de decembro e fai un chamamento á participación ao conxunto do profesorado galego, ao tempo que demanda á Xunta que sente a negociar coas organizacións sindicais a restitución dos seus dereitos laborais.