A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, manifestou o apoio do Bloque ás demandas da asociación ambiental Petón do Lobo (integrada en Vida e Ría) para que a Comisión Europea vele polo cumprimento da normativa comunitaria a respecto da industrias mineiras en Galiza e en concreto da explotación San Finx. Precisamente a presidenta da Comisión de Peticións recoñeceu que grazas ao Bloque esta denuncia foi tratada na sesión de hoxe, xa que a intención inicial era pechala.
“Non podemos permitir poñer en risco a actividade produtiva da ría de Noia pola pasividade das administracións, que nin controlan os vertidos nin o impacto ambiental da explotación mineira”, salientou Ana Miranda na súa intervención durante a Comisión de Peticións sobre a situación da mina de wolframio de San Finx en Lousame, que se ben iniciou a súa produción en 1887, na actualidade é intermitente desde o ano 2009.
O colectivo Petón do Lobo, presente hoxe en Bruxelas a través de José Manuel Romarís (secretario de Plademar, integrada tamén en Vida e Ría) , denuncia a contaminación na ría de Noia provocada por esta mina, debido aos vertidos de augas ácidas con altos niveis de metais pesados, como cadmio, cobre e zinc moi por riba dos niveles legais permitidos pola Directiva 2000/60 da Auga e o abandono constante dos residuos.
Para o BNG resulta inadmisible non só a existencia de vertidos, senón que estes se produzan a 7 quilómetros dos bancos de marisqueo, nunha zona catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). En concreto, no caso do cadmio, un metal pesado canceríxeno, eses niveis superan en 16 veces o nivel máximo legal permitido e en 93 a cantidade admisible en promedio anual.
Niveis de metais pesados excesivos
Segundo diversos análises, os niveis de metais pesados nos sedimentos da ría de Noia, en especial no Esteiro de Traba, son significativamente superiores aos do resto das rias galegas. “É necesario poñer fin a esta situación, porque de continuar así chegaremos a un punto de non retorno”, advirte Ana Miranda.
O cambio de titularidade en 2008 das concesións do grupo mineiro á empresa Incremento Grupo Inversor SL. non mellorou a situación. Pola contra, o proxecto de restauración non foi sometido a avaliación ambiental nin foi permitida a participación pública, polo que o problema da contaminación por metais pesados persiste. Ademais, o proxecto de explotación non contempla ningunha medida para o tratamento das augas ácidas procedentes das galerías de desagüe e a escombrera.
Ademais, a asociación formulou diversas preguntas á Comisión Europea co obxectivo de coñecer o uso dos fondos europeos destinados a este proxecto mineiro, o impacto ambiental nas zonas de produción de marisco e a falta de cumprimento das directivas relacionadas co impacto ambiental e os residuos.
José Manuel Romarís, indicou, por outra banda, que xa é longo o percorrido das denuncias presentadas para modificar esta situación. De feito, as corporacións municipais de Noia, Outes e Muros xa adoptaron sucesivos acordos plenarios rexeitando a autorización para realizar vertidos de augas residuais da mina solicitada pola empresa. Igualmente no 2017, a Deputación de A Coruña reclamou de forma unánime á Xunta que realizase unha avaliación da situación das presas mineiras existentes.