A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou hoxe a campaña do BNG de celebración do Día da Patria de 2018 baixo o lema Sumar por Galiza, que conmemora tamén o 50 aniversario desde que en 1968, -tras décadas de parón pola ditadura franquista-, o nacionalismo galego recuperase a manifestación nas rúas de Compostela para celebrar o 25 de Xullo.

Naquela data, a policía fascista arremeteu contra as persoas manifestantes que, ano tras ano, seguiron tentando chegar até a emblemática Praza da Quintana, pero que non lograron conquistar ata 1983, tras unha sentada de oito horas na cidade vella de Santiago. Así o relatou Lois Diéguez, histórico militante quen participou nesa reivindicación do 68 e que, xunto con María Alonso, militante viguesa de 17 anos que acudirá a súa segunda celebración do 25 de xullo, acompañaron a Pontón na presentación da campaña.

Medio século no que a defensa de Galiza como nación “é hoxe tan revolucionaria como fai cinco décadas”, salientou Pontón, “e tamén hoxe o nacionalismo significa a esperanza dun cambio real para deixar atrás precariedade, emigración e a discriminación a este país”. A dirixente do Bloque amosou o seu orgullo de liderar “unha organización con historia” que, ademais, “segue a ser a mellor ferramenta política para defender Galiza e avanzar colectivamente”.

A campaña do Día da Patria está centrada na idea de Sumar por Galiza a todas as persoas que, mesmo desde diferentes visións, comparten a idea de que este pobo debe gobernarse a si mesmo escribindo o seu propio guión.

“50 anos sumando por Galiza desde a diferencia, con diferentes visións do país, pero cun punto en común: O convencemento de que temos dereito e somos capaces de gobernarnos a nós mesmas, a nós mesmos e non precisamos que nos marquen o camiño desde fora”. Esa é idea que expresamos neste 25 de xullo, que o diferente suma, que temos unha visión aberta e queremos aportar desde aquí ao resto do mundo”, salientou.

Desbordar Santiago

Pontón fixo un chamamento “a desbordar” as rúas de Compostela o 25 de xullo “para sumar a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón” cun BNG “coa man tendida e as portas abertas” para construír un país “onde a xente moza como María non teña que coller a porta da emigración ou quen traballou toda a súa vida como Lois non sexa obrigado a loitar por unhas pensións dignas”.

Con ese obxectivo, “é clave fortalecer proxectos políticos propios como o BNG, para que Galiza non sexa un simple escenario do pim-pam-pum das forzas políticas estatais que mudan o seu discurso en función de se están no goberno ou na oposición, e nese escenario os galegos e as galegas sempre saímos perdendo”.

Emoción e orgullo no 25 de xullo

A dirixente nacionalista insistiu no chamamento para sumar arredor “dun nacionalismo emancipador, forte, aberto e moderno desde o que construír un futuro mellor para Galiza, cun BNG coa man tendida para quen queira traballar na defensa deste país e deste pobo”, concluíu.

Desde a experiencia na loita de Lois Diéguez á xuventude de María Alonso, ambos explicaron a “emoción e o orgullo” compartidos pola celebración dun sentimento de nación compartido que cada ano enche A Quintana. “Moita esperanza no que representan Ana e María”, destacou Lois, “e a ilusión de ver a tanta xente moza saíndo ás rúas loitando polos nosos dereitos” que expresou María, ante unha Ana Pontón que tamén lembrou a súa primeira manifestación do 25 de xullo, “a que vin desde Sarria con 17 anos e sen permiso dos meus pais”, confesou.

Deja un comentario