O BNG comprométese a recuperar os dereitos laborais do persoal da Consellaría de Política Social recortados polo PP

“Nestes 11 anos de Goberno de Feijóo non se creou nin unha soa praza pública de residencias de maiores en Galiza”, explica Montse Prado

A deputada e candidata do BNG Montse Prado e a portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, mantiveron unha reunión co Comité Intercentros da Consellaría de Política Social onde se comprometeron a ampliar o número de prazas en residencias públicas, a mellorar as condicións laborais do persoal en canto a descansos, conciliación e á especialización profesional das súas funcións.

Na xuntanza, convocada na Residencia Volta do Castro, participaron máis de 30 representantes do persoal das residencias de maiores que explicaron a situación das infraestruturas, carencias e precariedade das súas condicións laborais.

En declaracións á prensa logo do encontro, Monste Prado sinalou que nestes 11 anos de Goberno do PP na Xunta, lonxe de crear unha rede pública de benestar, un servizo galego que supoña unha atención de calidade ás persoas que o necesitan, foi xusto na dirección contraria. Así, o PP dedicouse “a capitalizar as empresas privadas con fondos públicos”, advertiu, “nestes 11 anos non se creou nin unha soa praza pública de residencias de maiores e Galiza está á cola do Estado en número de residencias; é onde máis prazas privatizadas existen”.

Os últimos datos do Observatorio da Dependencia deixan “unha fotografía elocuente”, pois sinala que en 2019 non só non se crearon novas prazas en Galiza, senón que houbo 311 persoas maiores menos atendidas. “Este é un reflexo da situación, cando en Galiza temos unha poboación moi envellecida onde case o 9% ten máis de 80 anos e máis do 25% ten máis de 65 anos, iso require por parte do Goberno a posta en marcha de medidas para atender as demandas desa poboación, que necesitan residencias e asistencia”, explicou.

A iso súmase que o cadro de persoal “é insuficiente e a media de idade é moi elevada”, o que provoca unhas duras condicións de traballo “pola sobrecarga asistencial”. Ademais de incrementar o número de persoal, debe acompañarse de profesionais sanitarios de enfermaría, facultativo, logopedia, terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas para prestar unhas condicións axeitadas, defendeu a candidata do BNG. “Danse casos en residencias onde o persoal sanitario é practicamente ausente e as súas funcións son asumidas por xerocultores o que é un risco legal e asistencial que non se pode permitir”, engadiu.

O compromiso do BNG é a creación de prazas residencias públicas para atender a demanda existente, ademais do mantemento das infraestruturas e dos materiais. Montse Prado comprometeuse tamén a recuperar o artigo 19 do V convenio, eliminado polo PP na Lei de Acompañamento da Xunta en 2012 e que segue suprimido na Lei de Orzamentos de 2020, polo que representa de vulneración de dereitos fundamentais como o recoñecemento do traballo en domingos e festivos, en salarios e descanso. “Iso é o mínimo e o máis urxente que hai que recuperar, xunto coas medidas de conciliación, porque na Xunta as políticas de igualdade só están recollidas no papel pero non se verifican na realidade”, destacou. “Na maioría dos casos, teñen que ir aos Xulgados demandar as medidas de conciliación” que lles corresponden, engadiu.

Advertiu tamén de que a Consellaría de Política Social está no Top 10 en canto a baixas laborais e lesións, “derivadas do esforzo físico e iso non pode suplirse con xornadas continuadas por parte do persoal”.

Pola súa parte, Manuel Gallardo Canitrot, o presidente do Comité Intercentros da Consellaría de Política Social, explicou que esta reunión con representantes do BNG foi para esixir o compromiso de recuperar “dereitos perdidos desde 2012 co recorte de dereitos do persoal laboral”. Entre eles, “ter dous días libres seguidos de descanso, xa que agora non hai compensación por traballar domingos e festivos”.

Isto increméntase coa precariedade que padecen “cando as persoas usuarias dos centros de maiores pasan a ser dependentes e necesitan uns coidados especiais, cando non se contrata persoal suficiente nin especializado”, engadiu.

A coordinadora da Executiva Nacional do BNG e portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, sinalou que a formación nacionalista incluirá estas medidas no programa electoral, tanto para incrementar o número de prazas en residencias como para mellorar as condicións laborais deste sector profesional.