O BNG de Noia critica a supresión de persoal docente nas escolas públicas e presenta unha proposta plenaria de cara á volta aos centros de ensino

O portavoz da formación, Ricardo Suárez, tamén solicitou unha reunión coa alcaldía para abordar a posible realización dun Plan Municipal contra a Brecha Dixital.

Ante o complicado contexto que se aveciña coa incerta volta da mocidade ás aulas son innumerables as voces expertas que reclaman un incremento das persoas docentes e dos recursos nas aulas para que o ratio de alumnos sexa menor e deste xeito á volta a escola se faga nunhas mellores condicións de seguridade ante a crise epidemiolóxica. Docentes e recursos que son necesarios tamén para unha mellora da igualdade e da calidade no contexto educativo.

O BNG de Noia vén de denunciar que, no canto de ser esta a aposta da Xunta, estase a recortar a docencia en centros públicos. Feito probado polas prazas eliminadas no Colexio Felipe de Castro de Noia e no Colexio Cernadas de Castro de Lousame. Estas supresións contrastan coa adición dunha nova praza para un dos centros de ensino concertados da localidade noiesa, constatando deste xeito un novo ataque á ensinanza pública. Critican ademais, que a supresión realizada ao colexio noiés sexa nun contexto de aumento das matrículas no centro e que vaia a significar que alumnos que precisan dunha atención especializada vaian a perder a axuda dun especialista en Pedagoxía Terapéutica.

Para dar resposta a estes feitos, os nacionalistas presentaron unha proposta para a súa discusión no pleno municipal, dita proposta contempla o rexeitamento da situación anteriormente exposta, así coma o rexeite tamén dun protocolo da Xunta para a volta aos centros de ensino que na súa opinión da prioridade aos criterios económicos diante dos sanitarios ao non se corresponder cos criterios de distanciamento e aforamento que si se lle esixen ao resto da poboación.

A proposta da formación nacionalista esixe tamén, a busca do consenso coa comunidade educativa para resolver os problemas que poderían impedir o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021. Outro dos puntos importantes que se recollen son a necesidade de que a Xunta asuma o custe adicional derivado da resolución destes problemas así coma das labores adicionais de limpeza requiridas pola actual situación.

Paralelamente, o portavoz do BNG en Noia, Ricardo Suárez, solicitou, á alcaldía de Noia, unha reunión para a discusión destes temas e para a elaboración dun Plan Municipal contra a Brecha Dixital, a dotación de crédito para o mesmo e a aprobación deste Plan no vindeiro Pleno Extraordinario con vistas a que se faga efectivo de xeito previo á volta da mocidade ás aulas.