O BNG defendeu no Parlamento a despenalización da eutanasia e da axuda ao suicidio, tanto para dar resposta á demanda maioritaria da sociedade, como para garantir as persoas o dereito a unha morte digna sen impoñerlles unha vida que xa non queren porque consideran que non merece a pena ser vivida.

“Pensamos que constitúe unha crueldade obrigar a unha persoa a vivir contra a súa vontade e abocala a unha morte tráxica e violenta, por iso o BNG ten unha posición clara a favor da despenalización da eutanasia e garantir que as persoas poidan decidir o momento e a forma na que queren finalizar coa propia vida cando consideren que non é vida, e a facelo de xeito pacífico e indoloro coa axuda que sexa precisa”, argumentou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, na defensa da proposición de lei para a toma en consideración da modificación da Lei da eutanasia e axuda ao suicidio.

O Bloque parte da premisa, máxime nun Estado aconfesional, que a vida é un dereito das persoas non unha obriga e que, polo tanto, non se pode converter en crime o que debe ser o dereito a unha morte digna sen alongar o sufrimento. “O dereito a elixir como queremos que sexa o final da nosa vida e a elixir se queremos ou non alongar o sufrimento sexa este físico ou psicolóxico”, recalcou.

Para a formación nacionalista, despenalizar a eutanasia é actuar a favor da dignidade das persoas permitindo e axudando a morre dignamente. Neste tema a sociedade vai por diante da lexislación e todas as enquisas mostran un apoio social maioritario a regular a eutanasia e o suicidio asistido, un 85%.  “A loita por unha morte digna forma parte da loita por unha vida digna, porque no Bloque defendemos que a vida si lle pertence a cada unha das persoas”, alegou Prado.

“Hai que acabar coa chantaxe e co tabú de que a vida é unha propiedade divina administrada pola xerarquía relixiosa”, alegou, tras lembrar a loita emprendida por Ramón Sampedro e outros casos máis recentes que axudan a poñer en primeiro plano unha realidade.

Ao Congreso chegaron millóns de sinaturas por diferentes vías, de persoas e familiares que viviron esta realidade en primeira persoa, por iso é urxente darlle unha regulación porque senón “condenamos a moitas persoas a vivir anos de dor”. “Máis tarde ou máis cedo imos conseguir que se aprobe a despenalización da eutanasia porque aí fora hai toda unha sociedade que demanda que se regule”, afondou a portavoz parlamentaria de sanidade.

Modificar o artigo 143.4 do código penal non significa obrigar a ninguén a que faga nada, senón que aporta un instrumento para usar de ser preciso e evitar “que ninguén impoña a ninguén unha vida que non quere vivir”, explicou Prado. “É ter un instrumento para poder usar de ser preciso, trátase de ser donos e donas da propia vida e da propia morte”, concluíu, tras expresar o agradecemento do BNG a Asociación galega dereito a morrer dignamente polo traballo feito a favor desta causa. Os votos en contra do PP impediron a toma en consideración desta proposición de lei.