O BNG denuncia a deslocalización de Unitono, empresa de telemárketing situada no Parque Tecnolóxico de Ourense que dá traballo a máis de 130 persoas para atender chamadas de atención ao cliente dos servizos de mercado regulado de Gas Natural Fenosa-Energy, e que está derivando traballo a Colombia e Reus.

Presas recordou que “xa no ano 2013 esta plataforma de Unitono atravesou por unha situación complicada que culminou un ERTE despois do que, grazas ao sobreesforzo do cadro de persoal, a empresa continuou a súa actividade” e salientou que “Esta situación é de extrema gravidade xa que estamos a falar fundamentalmente da comarca de Ourense e dos seus arredores, con graves problemas laborais e de fixación de poboación que se verían agravados de deslocalizarse ou minorarse a actividade desta empresa”

A nacionalista insistiu en que “falamos de que o cliente exclusivo desta plataforma é unha empresa eléctrica, orixinalmente con vínculos galegos, e que se lucra grazas á explotación dos nosos recursos naturais, cun importante impacto en Ourense, polo tanto a Xunta debe intermediar e por ese motivo onte mesmo o BNG xa rexistrou iniciativas no Parlamento”.

O BNG insta á Xunta a implicarse nas negociacións e apoiar ao Comité de empresa “xa que o tempo corre, hoxe mesmo hai ofertas de traballo en internet para Reus nas que se valora o uso do galego e anuncios da empresa para ampliar o mercado, é obvio que hai unha deslocalización encuberta que pon en risco todos os postos de traballo”.