O BNG interpelou ao Goberno da Xunta en comisión parlamentaria pedindo explicacións sobre o sobrecusto de até o  30% na adxudicación inicial da obra de acondicionamento e remodelación do antigo hospital xeral de Vigo, que acollerá a futura cidade da xustiza.

“Denunciamos o escandaloso incremento do custe das obras de rehabilitación e acondicionamento do antigo hospital xeral para albergar á sede xudicial de Vigo, denominada cidade da xustiza, que pasa dos 28 M€ de euros inicialmente orzamentados a máis de 40 M€, un incremento superior ao 30%, un auténtico escándalo que aínda siga pasando isto na contratación e realización de obra pública”, criticou o deputado nacionalista, Luís Bará.

A adxudicación do contrato de remodelación á Construcións San José en 2018 veu precedida, explicou, da realización dun estudo sobre o estado do edificio por parte da empresa Euroconsult, por un importe de 105.000 €.

“Tería sido lóxico que nesa análise se detectaran as deficiencias que despois se esgrimiron para xustificar o incremento do custo da obra, obrigando incluso a substituír a rehabilitación dunha parte do edificio pola súa demolición para dar paso a unha nova construción,  factor co que se xustifica a maior parte do incremento do prezo da obra”, explicou.

O incremento, unido a mala xestión da Xunta que finalmente paga toda a cidadanía, -denunciou Bará, converte esta actuación  “nunha obra ruinosa tanto desde o punto de vista do mal estado do edificio como do exceso de gasto que implica para as contas públicas o sobrecusto do 30%. Por iso pedimos responsabilidades porque ou ben o informe da consultoría detectou as enormes deficiencias do inmoble pero non se tiveron en contacto na adxudicación da obra, ou ben se pagaron máis de 100.000 euros por un estudo que non detectou nada.”

Bará avanzou que o BNG vai pedir a remisión ao Parlamento dese informe de Eurocosult para coñecer o seu contido e poder esixir as responsabilidades políticas que correspondan.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario