O BNG considera que o PP fai un uso “discrecional” dos fondos públicos destinados os concellos favorecendo aos municipios gobernados polos populares, por iso, o deputado Luís Bará pediu explicacións no Parlamento en relación os criterios que utiliza o goberno galego para decidir que concellos se benefician de convenios de colaboración financiados polo Executivo.

Bará formulou a pregunta despois de que o pasado 27 de maio o DOG recollese a publicación de dez convenios subscritos entre outros tantos concellos gobernados polo PP e a Axencia Galega de Infraestruturas nos primeiros catro meses deste exercicio. En concreto, Abegondo, Lousame, Carral, Coirós, O Páramo, Vilalba, A Gudiña, Ourense, Beariz e Larouco.

As actuacións que se financian son de mellora de estradas, construción de sendas peonís, pavimentacións, mellora da contorna de igrexas, etc, e as contías van desde os 1,152 M€ da posta en valor da Ponte Vella de Ourense, os 681.711 da pavimentación da rúa Rosalía de Castro e a construción de senda peonil, os 650.000 € da mellora da travesía da antiga LU 126 en Vilalba, os 448.463 da dotación de capa de rodadura do vial que vai de Porto Bravo a Tállara en Lousame, até os 48.000 da pavimentación da rúa Carril no concello de Larouco.

“A contía total destes convenios é de 2.394.636 euros en vésperas dun proceso electoral cun claro interese partidista”, denunciou Bará. “Resulta difícil entender cal é o criterio que se segue para a sinatura destes convenios dada a diversidade de obras financiadas e o distintas características das entidades locais. O único elemento común entre todos eles é estar gobernados polo PP no período en que se aprobaron os acordos”, salienta.

“Digan cantos convenios e contía asinaron con concellos e podemos face as contas da distribución dos recursos”, reclamou ao responsable da Axencia Galega de Infraestruturas, “o diñeiro público hai que xestionalo con criterios claros e transparentes e, como reclamou a FEGAMP, con concorrencia competitiva sempre que sexa posible”.

“Para Poio (BNG) non, para Sanxenxo e para Marín(PP), si”, ese é o criterio, concluíu.