O deputado do BNG, Luís Bará, acompañado do portavoz municipal do concello de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz visitaron a canteira de Casalonga onde  mantiveron un encontro cos veciños e veciñas e representantes da Plataforma que rexeitan converter “nun vertedoiro” a antiga canteira.

O deputado rexistrou diversas iniciativas co fin de paralizar as obras e denunciou o que cualificou de “atentado ao medio” da antiga canteira abandonada así como o rexeitamento ás obras de baleirado da lagoa artificial no interior da canteira co fin de iniciar os traballo de explotación mineira que “tampouco están autorizados e que son a tapadeira para converter a canteira nun macrovertedoiro de residuos de construción e demolición”. Esta situación, dixo, tamén se produciu noutros lugares e os proxectos finalmente acabaron na fiscalía grazas a resposta cidadá.

 Para o nacionalista, o macrovertedoiro acollerá máis de nove millóns de toneladas de residuos e un volume de negocio de 50M€ que conta coa “complicidade” da  Xunta e concretamente, cos organismos de Augas de Galiza e dirección Xeral de Minas que actúan, ao seu xuízo,  ao servizo de “empresas depredadoras, empresas piratas” e en  contra dos intereses dos veciños e veciñas e o medio natural.

Bará lembrou que hoxe mesmo, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas para “poñer freo a este despropósito” e para instar  á Xunta a que non permita que se cometa esta barbaridade en Casalonga.