O Bloque Nacionalista Galego presentou varias propostas de modificación á solicitude de prórroga do Estado de alarma feita polo Goberno central,   «desde a convicción de que para frear a expansión do contaxio é preciso tomar decisións valentes que xa tiñan que ter sido postas en marcha con anterioridade”.

Entre as propostas presentadas, o BNG exixe a paralización de toda actividade laboral non esencial, a excepción das consideradas imprescindíbeis para afrontar a situación de emerxencia sanitaria. No caso das actividades laborais que deban continuar, as Administracións Públicas aseguraranse que conten coas medidas de protección adecuadas para o seu desempeño. Considerase neste sentido, prioritario a subministración de medios ao persoal sanitario e aos traballadores e traballadoras dos servizos de atención a persoas maiores. O BNG propón que o Goberno quede obrigado a presentar novas medidas de protección social e económica acordes coa nova situación de prórroga.

No que ten que a ver nas medidas de contención territoriais, Néstor Rego considera que, para alén do estrito confinamento persoal, debe actuarse tamén para evitar a expansión dos contaxios. Nese sentido, o deputado nacionalista pide de novo o fechamento das áreas xeográficas con maior índice de contaxios e, á súa vez a blindaxe simultánea das zonas menos afectadas -como é o caso da Galiza-, cortando totalmente as comunicacións non esenciais de pasaxeiros tanto por vía aérea, marítima, ferroviaria e por estrada. En todo caso, quedarán garantidos os servizos básicos e as subministracións necesarias para atender á poboación que quede recluída dentro das zonas illadas. O BNG defende que esta medida segue sendo necesaria porque continúan a producirse desprazamentos -como se puido constatar estes días na Galiza- que supoñen un risco e que poderían ser evitados.

O BNG defende tamén reverter o proceso de centralización producido coa declaración do Estado de Alarma por considerar que, como era previsíbel, se demostrou absolutamente ineficaz para o operativo e as accións necesarias para a contención. Retirar as competencias a quen ten un mellor coñecemento do territorio e dos medios dispoñíbeis ou potenciais -con independencia de quen os teña que xestionar-, nunca é unha boa idea. Na práctica, provocou máis burocracia, lentitude na actuación -por exemplo á hora de fornecer de recursos básicos- e ineficiencia. Ademais, a decisión de centralizar -na opinión de Néstor Rego- “non pode ser nunca un pretexto para a inacción por parte do goberno galego e do seu presidente, Núñez Feixóo”.

No referente o relacionado co tema sanitario, sen prexuízo da función de coordinación das CCAA que deba exercer o Ministro de Sanidade, para atender a subministración dos medios necesarios para a contención do virus, especialmente nos de carácter sanitario, o BNG propón que a Administración galega poida realizar as adquisicións polos mecanismos que considere máis adecuados, sen prexuízo dos que o Estado poida subministrar.