O representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar unha preguntar escrita no Congreso para saber por que o Estado segue incumprindo a legalidade vixente ao non respectar a forma oficial dos topónimos galegos.

MUFACE, Organismo autónomo dependente do Ministerio de Política Territorial e Función Pública a través da Secretaría de Estado de Función Pública, vén de renovar recentemente a súa páxina web, facilitando o acceso electrónico a determinados servizos.

Este organismo autónomo conta cuns servizos centrais e con 52 direccións provinciais e oficinas delegadas de atención ao colectivo. Como é lóxico, na citada páxina, pódese acceder ao listado de oficinas coa súa situación e dirección. É nesta relación de oficinas onde MUFACE, e por extensión o propio Ministerio, incumpre a legalidade estabelecida, pois aparecen distintos topónimos que non están recollidos conforme á toponimia oficial, isto é, na súa forma propia, a galega.

A toponimia oficial na Galiza foi estabelecida pola Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983), que no seu artigo 10 sinala “os topónimos terán como única forma oficial a galega”.

Estas son as denominacións legais para todos os efectos, e a rotulación terá que concordar con elas. Porén, no mapa de oficinas da citada páxina web podemos observar como se utilizan topónimos non oficiais (como La Coruña ou Orense) incumprindo, por tanto, a Lei.

Debemos lembrar, ademais, as recentes recomendacións que o Comité de Expertos do Consello de Europa dirixía ao Estado español, advertindo que está a incumprir a súas obrigas como asinante da Carta Europea das Linguas e que non respecta os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.