BNG | Redacción Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou tras a reunión da Xunta de Portavoces que marca a orde do día do próximo pleno do Parlamento que o BNG formulará unha pregunta urxente de control ao Goberno en relación ao futuro dos terreos do Porto da Coruña, despois de que a Xunta e o Ministerio de Fomento asinasen un protocolo polo que Galiza aportaría 20 millóns de euros para conseguir que os terreos que hoxe ocupan os peiraos de Calvo Sotelo e Batería segan a ser públicos.

Pontón anunciou que esa pregunta urxente vai dirixida á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na súa condición de representante da Xunta no Consello de administración do Porto da Coruña,  ante un protocolo que deixa por escrito un “auténtico despropósito”: Pagar por uns terreos que xa son públicos.

“Viñeron vendernos a moto de que é un gran negocio que uns terreos que xa son públicos utilicen cartos públicos para que segan a ser públicos, un auténtico disparate e o colmo do descaro e non podemos permitir este roubo, esta estafa á cidade da Coruña e ao conxunto de Galiza”, denunciou Pontón, quen avanzou que o BNG traballará “para darlle a volta a un protocolo que só se pode definir como o protocolo da vergoña e do latrocinio á Coruña”.

Pontón fixo referencia ás declaracións do propio ministro de Fomento na presentación do protocolo nas que confesa, “con total descaro”, que era a primeira vez que unha comunidade autónoma poñía cartos para que un terreos portuarios continuasen a ser públicos.

A dirixente do Bloque critica tamén a falta de respecto coa veciñanza da cidade herculina por parte de tres administracións, -“todas do PP”-, que deciden “pola porta de atrás” sobre uns terreos que non lle pertencen, porque os terreos dos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego “non son propiedade nin do Estado, nin da Xunta nin da Autoridade portuaria senón da cidade da Coruña”. Terreos cedidos no seu día para desenvolver a actividade do Porto en beneficio público “pero que teñen que reverter ao seu lexítimo dono sen coste algún nin para a  cidade nin para Galiza en canto deixen de ter uso portuario”.

O BNG considera que o futuro da fachada marítima da Coruña, cuestión transcendente, corresponde aos coruñeses e coruñesas, e salienta o sen sentido dun protocolo que, ademais dunha estafa, supón apostar por un modelo urbanístico da especulación xa fracasado e por novas grandes áreas comerciais que xa teñen colleitado tamén un estrepitoso fracaso.

Deja un comentario