O pleno do Parlamento vota na sesión plenaria de hoxe o texto final da Lei de transferencia da AP9 impulsada e presentada polo BNG, que mantivo un papel clave no debate continuado sobre este asunto ao longo dos dous últimos anos.

A formación avanza que pedirá aprazar a elección das persoas que van representar ao Parlamento na defensa da lei no Congreso para promover un cambio no regulamento da Cámara que evite o dislate político de que o grupo impulsor e autor do texto lexislativo sexa excluído do debate da lei en Madrid.

Neste sentido, o Bloque vai propor unha dobre alternativa de reforma: Que o grupo autor dunha lei teña sempre garantido un representante para a súa defensa no Congreso ou ben incrementar de tres a catro o número de representantes, un por cada grupo parlamentario.

Calquera das dúas vías sería perfectamente posible e rápida e podería estar lista no mes de setembro, co inicio do período de sesións, nun trámite sinxelo de lectura única. Simplemente, chegaría con votar a lei e aprazar o nomeamento ata setembro, tendo en conta que pasarán meses antes de que o debate da Lei da AP9 entre na orde do día do Congreso e que, polo tanto, non hai ningunha urxencia para eses nomeamentos.

Vetar a participación do BNG alegando unha cuestión de mera matemática parlamentaria non se sostén, sobre todo porque por esa regra o PP podería elixir a dous dos tres representantes, bastaría con que dividise o seu voto entre dous candidat@s, porque as persoas elixidas serán as tres máis votadas.

As dúas primeiras leis de transferencia da AP9 aprobadas polo Parlamento de Galiza tropezaron co veto do Goberno de Mariano Rajoy, a través de informes en contra da transferencia baseados en imprecisións e argumentos falsos. Eses vetos supuxeron que, a súa vez, a Mesa do Congreso presidida por Ana Pastor vetase mesmo o debate da lei aprobada polo parlamento galego na Cámara baixa, que se espera poder levar a cabo tras o cambio no Executivo do Estado.

Deja un comentario