O BNG lanza a candidatura de Ana Pontón á Presidencia da Xunta cun acto multitudinario que congregará a 700 cargos e militancia de base este domingo en Santiago de Compostela baixo o lema Galiza en MarchA!, cun xogo gráfico intencionado para visualizar a Galiza vivA, en marchA, e a unha candidata: AnA presidentA.

Tras ser elixida pola militancia sen ningún voto en contra, con este acto de presentación da candidata o Bloque arranca unha intensa axenda de traballo de precampaña coa intención de liderar o cambio real que Galiza necesita.

“Será un acto moi potente porque traballamos co convencemento de que este país ten un futuro que gañar e no BNG xa temos toda a maquinaria posta a funcionar para que a partir deste domingo Galiza comece a construír ese futuro cunha sociedade xusta, equitativa e democrática, unha Galiza en feminino e feminista que necesitamos as maiorías sociais deste país”, sintetizou Olalla Rodil que xunto con Xavier Campos presentaron o acto como responsables da área de comunicación da Executiva nacional.

O Bloque salienta que Ana Pontón non é unicamente candidata do BNG “senón fundamentalmente a candidata dos sectores máis dinámicos, vivos, conscientes e que máis desexan un cambio real en Galiza, sexan nacionalistas ou non e con independencia do que votasen noutros momentos”, explicou Campos.

De feito, o BNG considera que hoxe “hai unha maioría transversal con votantes de diferentes partidos que identifican en Ana Pontón como a persoa que lles gustaría que presidise esa Galiza diferente e mellor que reclama unha maioría social neste país”, subliñou o secretario de comunicación, “e imos traballar para que sexa a candidata desa maioría que se move en clave progresista, que ama Galiza e que pensa que o desenvolvemento económico e social non pasa por máis Madrid, senón por máis Galiza”.

Por iso, o BNG sae a por todas e non se pon límites para liderar o cambio real que deixe atrás a década dun Feixóo “que ten unha triste historia de submisión” e que reacciona “airado” ao un acordo de investidura no que a formación nacionalista conseguiu nun mes o que o xefe do Executivo galego non foi capaz de lograr en dez anos de goberno.

A estratexia de cara aos vindeiros meses é levar adiante un intenso traballo de contacto social, con encontros con colectivos e entidades directamente beneficiados polo acordo pero tamén unha intensa campaña de explicación do proxecto político do Bloque para as vindeiras eleccións galegas, un proxecto centrado “na modernización, o desenvolvemento económico, a cohesión social e a defensa do autogoberno”, resumiu Campos.

“Temos a mellor candidata para construír a Galiza do futuro e o BNG está preparado para liderar o cambio político que se precisa para conseguir un país xusto, inclusivo, feminista. Temos organización, equipo, solvencia e proxecto”, salientou Rodil.

O acto de presentación e lanzamento da candidatura acollerá unha pluralidade de voces que van desde o ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a escritora Ana Cabaleir, o investigador Adrián Cordido, a feminista e activista pola igualdade Daniela Fernández, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo ou Eugenio Quintas, médico no Hospital de Verín.