O BNG logrou o apoio do resto dos grupos da Cámara para solicitar ao Goberno central que suprima a taxa de reposición imposta polo Executivo de Raxoi en 2010 e que, só no caso da sanidade galega, implicou a desaparición de un mínimo de 1.791 prazas.

En concreto, o acordo consensuado pola portavoz de Sanidade, Montse Prado, recolle que o Parlamento de Galiza “insta ao Goberno español á eliminación, como norma de carácter básico, da taxa de reposición de efectivos na Lei estatal de orzamentos de 2019, correspondendo a cada comunidade autónoma a competencia de determinar o número de prazas a incluír na oferta anual de emprego público”.

A formación nacionalista trasladaba un demanda presentada pola CIG, “petición que nos parece moi razoable e que o BNG fai súa: Eliminar a taxa de reposición imposta en 2010 polo Goberno central responsable do déficit de profesionais e, por tanto, responsable dunha situación na que faltan efectivos no sistema público de saúde”, indicou.

Prado destacou que a taxa de reposición “impide que se incorporen novos profesionais para cubrir as prazas necesarias”, de feito, entre os período 2010-2014 só se repuxeron o 10% das vacantes que se produciron no sistema público de saúde, en 2015 a taxa de reposición impediu cubrir a metade das prazas que se perderan nese exercicio e no bienio 2016-2017 foi posible repoñer as prazas na súa totalidade pero só nestes dous anos. “Polo tanto, queda moito emprego que recuperar na sanidade pública”, explicou Prado, como mínimo 1.791 prazas.

A modo de exemplos, a deputada nacionalista citou as 81 prazas no servizo de matronas, as 726 de enfermeiros e enfermeiras, as 682 en técnic@s en coidados auxiliares ou o déficit de 93 prazas de pediatras en atención primaria