O BNG logrou o apoio do Parlamento para sacar adiante unha iniciativa a favor de reducir a idade de xubilación ao persoal do servizo de gardacostas ata en dez anos, aplicando a este colectivo os mesmos coeficientes redutores que xa se aplican a outros traballadores da Mariña mercante.

En concreto, a proposta aprobada pola Cámara recolle dous puntos. En primeiro lugar, solicitar ao Ministerio de Emprego que adopte as medidas oportunas para que modifique a normativa en vigor de tal xeito que, nas actividades que determinan a redución da idade mínima de xubilación e coeficientes redutores da Mariña mercante, se inclúan as embarcacións e buques de inspección, busca, salvamento e loita contra a contaminación adscritas ao servizo de administracións públicas.

En segundo lugar, requirir a aplicación dos coeficientes redutores ao persoal estatutario que desenvolven labores de inspección, salvamento e loita contra a contaminación a bordo das embarcacións da administración con carácter reatroactivo, de acordo aos criterios da Mariña mercante establecidos no RD 1311/2007 e na circular 4/2017, de aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación do réxime especial da Seguridade Social e dos e das traballadoras do mar, acorde coas competencias e funcións que desempeñen.

A iniciativa defendida pola portavoz de Pesca, Montse Prado, é unha demanda longamente reiterada pola formación nacionalista no Parlamento.

DEJA UNA RESPUESTA