O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada, Montse Prado, mostrou hoxe a súa oposición á represa  do río Umia, en Cabanelas, concello de Ribadumia por representar unha agresión contra o curso do río sen ningunha razón que xustifique o cambio no seu curso.

A parlamentaria  reclamou o cumprimento do acordo parlamentario aprobado  ano 2016 para buscar outras alternativas ao subministro de auga á Illa da Toxa no caso de non ser suficiente o subministro procedente do concello de Ogrobe, a través do subministro público.

Na súa intervención, Prado reiterou que é preciso restituír o curso normal do río Umia ao que sumou a presentación dun informe no Parlamento galego con todas as actuacións realizadas, custes e resultados,  en especial do  Plan de xestión Integral para a bacía do rio Umia, ‘Plan Umia’.”

A parlamentaria do BNG explicou que a represa de  terra, pedras e vexetación  impide o normal discurso das augas e todo indica, dixo, que de novo está destinada  a captar auga con destino á Illa da Toxa. Para a deputada, resulta evidente que o “Partido popular e a Xunta non tomaron en serio o acordo parlamentario nin realizaron a vixilancia e protección do Umia”.

Prado criticou o cambio de posición do Partido popular ao que acusou de converter os acordos parlamentarios en “auténtico papel mollado”. Estes anos, o Partido popular xa demostrou a súa falta de vontade para protexer o río Umia e continúa na mesma liña, explicou. O río Umia é fundamental para a comarca do Salnés e non “soporta máis agresións nin goza de boa saúde”.

A nacionalista lamentou que o grupo maioritario do Partido popular votara en contra da iniciativa do BNG para vixiar as represas das marxes do río como a situada en Cabanelas, ou os vertidos incontrolados.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario