O BNG de Celanova esixe do SERGAS unha explicación detallada das razóns que levaron á Área Sanitaria de Ourense a trasladas un paciente con covid19 desde o CHUO á residencia San Carlos, extremo que o organismo sanitario tratou de agochar negando durante dous días que a alerta lanzada polo BNG o sábado fose certa.

“O BNG non mentiu”, dixo este luns o portavoz nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez. “O SERGAS, si. E mantivo a mentira dous días, sen reaccionar o aviso que demos desde o BNG”.

“Desde o BNG de Celanova esiximos do SERGAS, da Área Sanitaria de Ourense e do seu xerente, Félix Rubial, unha explicación detallada de por que se decidiu o traslado dun paciente con covid do CHUO á residencia de Celanova, esiximos ademais unha explicación de por que se mantivo agochada esa información e por que o SERGAS, a Área Sanitaria e Rubial mentiron e ignoraron a alerta que nós lanzamos o sábado”, insistiu Leopoldo Rodríguez.

As nacionalistas lembran que foi en Celanova onde saltou a primeira alarma nas residencias do país, e que no lapso de 5 días (entre o 18 e o 23 de marzo) se rexistraron un total de 64 contaxios (46 entre os residentes, o 79% de taxa de contaxio entre residentes, a día de hoxe a máis alta nas residencias do país). 

Test para todas as traballadoras

“Desde o BNG de Celanova pedimos coñecer que medidas ha tomar a Área Sanitaria para corrixir esta situación, e pedimos que se completen os test ás traballadoras con probas tamén para as auxiliares que levan máis dun mes traballando no centro e para todas as que foron sendo contratadas e ás que a día de hoxe aínda non lles fixeron a primeira proba”, demandou Rodríguez, antes de lembrar que seguen activos 17 casos de covid entre residentes de Celanova: 5 están no propio centro, 10 en Baños de Molgas e 2 continúan ingresadas no CHUO.

O concelleiro nacionalista lembrou tamén que a día de hoxe, e en metade dunha emerxencia sanitaria, a San Carlos conta cun enfermeiro a media xornada, non dispón de médico ao cargo e o persoal recupera estes días 9 traballadoras, mais 8 das que resultaran positivas por covid seguen de baixa.