Non se pode tapar a lúa cun dedo, igual que non se pode encubrir unha década de “traizón” a Galiza cun arrebato epistolar de última hora. Así o considera a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, que aproveitou a sesión de control ao xefe do Executivo para reclamarlle a Feixóo que pase “das cartas aos feitos”, con dúas propostas concretas: reclamar pola vía xudicial os cartos que debe o Estado e sumarse ao acordo do BNG a favor do país.

“Fágolle dúas propostas: esixa pola vía xudicial os cartos que o Estado debe a Galiza, despois de que votase en contra desta iniciativa do Bloque fai tres meses neste Parlamento. Rectifique e acertará, deixe de choromicar, deixe de laiarse e, por unha vez, exerza como presidente”, salientou a viceportavoz. E, en segundo lugar, “sitúese do lado das galegas e dos galegos e apoie os compromisos acadados polo BNG”.

Compromisos que inclúen asuntos clave como a transferencia da AP9 en 2020 e rebaixas nas peaxes, a reclamación dunha transición enerxética xusta, máis fondos para a dependencia, tres novos xulgados específicos contra a violencia machista, modernizar o tren no interior, -“que tamén  existe”-, e asegurar que Galiza vai ter o mesmo status político que as outras nacións do Estado, sintetizou.

Rodil empezou facendo un resume da “década de submisión” dun presidente “ausente, incompetente e desleal con Galiza, a crónica dun presidente submiso, primeiro a  Raxoi e agora a Casado baixo o disfrace da falsa confrontación”, repasando algunhas das discriminacións e agravios co país coa súa complicidade desde Montepío.

Entre os “hits”, ironizou, que figuran no debe de Feixóo,  Rodil destacou as cero novas competencias en dez anos, os millóns de euros deixados de investir na alta velocidade, os recortazos nos investimentos nos orzamentos do Estado, un marco enerxético aprobado polo PP e continuado polo PSOE que pon e risco 6.000 postos de traballo ou ter asinado un sistema de financiamento discriminatorio con Galiza.

“E de verdade pensa que pode agochar unha década de traizón a Galiza cun arrebato epistolar? O único sensato dese frenesí epistolar é que por fin descubriron a axenda galega, algo que, por certo, xa conseguiu colocar o BNG no debate do Estado co acordo de investidura, logrando nun mes máis do que vostede en dez anos”, salientou Rodil.

A viceportavoz replicarlle ao xefe do Executivo que “acerta cando rectifica”, como acaba de demostrase no Hospital de Verín, “pero agora tamén acerta cando copia ao Bloque así que benvido á axenda galega, agora so ten que pasar das cartas aos feitos”, unhas cartas que cualificou como “unha emenda á totalidade a súa década de goberno, o reflexo da súa incompetencia, por iso ten que vir aquí a falar do acordo do Bloque”.

Rodil deixou claro que o presidente da Xunta “está no tempo de desconto” ante unha maioría de galegos e galegas que queren un cambio real e instouno a que, se ben non é posible “emendar unha década de submisión”, cando menos “teña un xesto de dignidade política” sumándose ao acordo do BNG a favor de Galiza. “Xa terá tempo de dedicarse ao xénero epistolar cando, en breve, os galegos e as galegas lle dean o finiquito nas urnas”, concluíu.