A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Sanidade relativa á cociña do CHUO e a necesidade de “non reducir o persoal”.

Entre os moitos “agravios”, Presas lembrou que o Edificio de Hospitalización abriu as súas portas  dous anos máis tarde do previsto e durante meses a comida foi transportada en carros inadecuados, ao longo de 12qm nun percorrido de  ida e volta.

No mes de setembro do ano 2017, unha delegación de deputados e deputadas galegas visitaron as instalacións, visita na que o ex xerente López Bellido comprometeuse a licitar de inmediato a cociña.

A nacionalista manifestou que a “cociña do CHUO non é un antollo, é unha necesidade” e as súas condicións foron denunciadas pola Inspección laboral no ano 2018, a través dunha denuncia formulada pola CIG.

Tras abrir as portas do novo edificio, dous anos despois, remarcou a parlamentaria do BNG,  aínda “non sabemos cando abrirá a cociña” pero do que temos constancia, é que o persoal será reducido porque vostedes pretenden “facer máis con menos”, destruíndo postos de traballo e poñendo en perigo a calidade.

Despois de diversas reunións, a Xerencia do centro comunicou aos   traballador@s a intención de reducir, cando menos, en 10 o número de pinches de cociña respecto dos actuais. Ante o plan funcional, as previsións orzamentarias da Xunta e a información do propio persoal podo afirmar, dixo a nacionalista, que “hai menos persoal traballando do que Sanidade prevé”.

Neste sentido, denunciou que a  previsión de persoal  para a cociña non  aumenta, polo contrario, redúcese  baixo unha trampa, o persoal non é contabilizado cando cobren por acumulación de servizo ou contratados mes a mes. “Contan persoal estabilizado, pero o estabilizado non chega para o servizo mínimo de cada día do CHUO” e Sanidade é coñecedora desta circunstancia.

Na teoría, os  orzamentos reflicten 126 pinches pero  13 serían do Barco, polo tanto só haberá 113 e na actualidade son 96, faltan polo tanto 17 pinches de cociña e a maiores, deses 96, 82 están estabilizados, número que vostedes utilizan para afirmar que non recortan. A trampa  é que para afirmar que non recortan realizan vostedes, “14  contratos temporais e precarios”.

Tras a resposta de Vázquez Almuíña, a deputada do BNG pediulle que non mentira e trasladou ao titular de sanidade a preocupación do persoal que se manifesta dende o mes de agosto “todos os mércores ante as portas do CHUO” sen que polo momento obtiveran “algún compromiso” ou reunión co conselleiro.

A deputada cualificou de “disparate” as condición dun centro sanitario   que no ano  2005 contaba con 500-600 comensais e na actualidade ascenden a 900 ao que hai que sumar aos que proveñen de Verín.

Non siga mentindo Sr. Conselleiro, concluíu.