O BNG defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para mellorar as condicións laborais das matronas e acabar coa discriminación deste colectivo que pon de manifesto o desinterese do PP pola sanidade pública, en particular pola saúde das mulleres.

“O que pedimos con esta iniciativa é que o PP pase do discurso de que se preocupa pola saúde das mulleres aos feitos”, salientou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, en relación á negativa do grupo popular vetando a proposta nacionalista para acabar coa discriminación laboral que soportan as matronas na sanidade pública.

Vídeo Recomendado:

“Estamos ante unha situación de réxime xurídico e retributivo que leva 26 anos sen solucionarse pero ao PP non lle importa ter a estas profesionais discriminadas”, denunciou Prado, “o que lle pide o BNG é que rectifiquen e senón o fan é porque non queren”. A deputada nacionalista tamén se fixo eco da deficiente dotación de medios que denuncian as propias matronas.

“As propias profesionais din que hai cuestións que foron recollidas nun plan de necesidades que non foron atendidas e con esta iniciativa o que lle pedíamos, en nome deste colectivo, é rectificación e preguntámonos que máis ten que pasar para que o PP rectifique  e converta nunha prioridade a atención sanitaria ás mulleres”, argumentou.

Prado puxo como exemplo da despreocupación do PP coa saúde das mulleres o peche do paridoiro do hospital de Verín, que ten a toda a comarca en pé de guerra porque pon en risco a saúde das mulleres, posto que se lles obriga a percorrer até máis de cen quilómetros en coche para poder ser atendidas de parto no hospital de Ourense.

“Onte mesmo tivo que ser o xefe de xinecoloxía o que impedise que unha muller de parto tivese que meterse nun coche para facer 75 quilómetros até Ourense, foi esa intervención ignorando as instrucións dadas polo PP a que salvou a situación pois, de telo feito, posiblemente ese neno nacese no camiño. É inaceptable e por iso aquí hoxe pedímoslle rectificación porque están poñendo en risco a saúde das mulleres e dos nenos e nenas”, salientou Prado.
Pese a todo, o PP votou en contra da proposta nacionalista para mellorar as condicións nas que as matronas prestan o seu servizo “que non se limita só ao momento do parto”, concluíu.