O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe, na comisión de Cultura, unha proposición non de lei co fin de elaborar  un informe sobre o estado do patrimonio histórico construído no concello de Mondariz-Balneario, con especial atención ao estado de abandono da  Fonte de Troncoso, Hotel Roma, Chalé Villa Flora, Chalés de Don Jaime, Dona María e Don Luís, xanelas e arco románico.

Na súa intervención, o nacionalista tamén solicitou aplicar  medidas urxentes para a conservación e protección dos bens que se encontran en estado ruinoso e con ameaza de derrubo e elaborar, xunto co concello de Mondariz Balneario, un plan de actuación para a conservación, rehabilitación e rexeneracións dos bens inmobles catalogados en estado de abandono.

 O deputado alegou que a  Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galiza ten como finalidade, protexer, conservar e difundir un legado que o tempo irá acrecentando para transmitilo ao futuro, e establece dúas categorías de bens protexidos, os declarados ben de interese cultural e os catalogados. A lei, dixo, tamén insta á colaboración entre administracións, reflexando no punto 2 deste mesmo artigo que: “As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural así como adoptar, en casos de emerxencia, medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viran a súa integridade ou valor ameazados”.

Bará amosou diversas fotografías que mostraban  “o estado de deterioro do patrimonio” e reiterou que a lei deixa definidas claramente as responsabilidades de cada parte, tanto propietarios privados como as administracións públicas polo que volveu reclamar a protección do conxunto do patrimonio do concello de Mondariz-Balneario. Cando faia o privado, dixo, debe “intervir o público”.

O deputado incidiu no “deterioro” da fonte de Troncoso, orixe de todo o que posteriormente naceu en Mondariz-Balnerio.

Os votos en contra do grupo do Partido popular impediron que a proposición defendida polo deputado do BNG, Luís Bará non prosperara.