O BNG, a través dunha moción que defenderá no próximo pleno do Parlamento, reclama á Xunta que compre POVISA para incorporar este centro á rede pública e realice a xestión directa deste centro hospitalario, para que doentes e persoal deixen de ser reféns permanentes da empresa, garantindo o dereito a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade.

En todo caso,  iniciar o proceso de declaración do Hospital Povisa de interese público para poder realizar a súa adquisición de ser preciso garantir de maneira efectiva a atención sanitaria e os postos de traballo.

A moción, a cargo da portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, recolle que, mentres POVISA non se integre na rede pública do SERGAS, a Xunta actúe como garante da calidade da atención sanitaria da poboación adscrita a este centro e vele polo mantemento dos postos de traballo e o respecto dos dereitos laborais. Para este fin crearase unha comisión de control e seguimento do concerto que conte con presencia  d@s representantes d@s traballadores/as.

Igualmente, a moción do Bloque demanda a realización dunha auditoría das contas e da xestión de POVISA  no relativo ao concerto asinado co Sergas, para saber cal é o uso que se fai dos cartos públicos.

O resultado desa auditoría debería aportar información desagregada do gasto que destina a atender a doentes públicos e a privados, número e distribución de camas do hospital destinadas a atención pública e privadas, persoal destinado a prestar a asistencia sanitaria pública e privada, horarios e servizos, ratio profesionais/doentes, profesionais por servizos e planta, permanencia nos mesmos, situación laboral, mobilidade horaria e entre servizos.

Na súa moción, o BNG tamén quere que o Parlamento declare a súa defensa da sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade e mostre a súa posición contraria a que unha multinacional norteamericana pase a xestionar a saúde pública de 135.000 galeg@s da Área Sanitaria de Vigo.

En canto á información requirida, o BNG tamén inclúe a petición de remitir ao Parlamento, en base ao artigo 9 do regulamento, o concerto formalizado en 2014  entre  SERGAS e a entidade para a prestación dos servizos de asistencia especializada, incluídos na súa carteira de servizos á poboación, beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo de Saúde, que libremente os elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a administración determine do concello de Vigo.