O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, utilizou unha pregunta ao Goberno de Feixóo para reclamar un censo e un plan de xestión do xabaril, elevar a contía máxima das axudas anuais aos produtores afectados por ataques do porco bravo, e denunciou a situación de perigo para a veciñanza do rural que provocan as batidas autorizadas en 33 concellos.

Rivas acusou á Consellería do Medio Rural de “improvisación e incompetencia” no control desta especie, como constatan os vaivéns da Xunta “que primeiro di que non é un problema e procede a suspensión das axudas entre 2016-2019, que agora declara a situación de emerxencia cinexética e reactiva as subvencións coincidindo cun ano electoral”.

Unha liña de axudas que, ademais de insuficiente, presenta deficiencias que mostran que tamén neste caso houbo improvisación, “porque recolle indemnizacións a produtos como o boniato que nada ten que ver con este país, pero exclúe as axudas aos danos causados polo xabaril nos cultivos de horta non ecolóxica, por exemplo as hectáreas de horta que se destrúen en Coirós, Arteixo, Carballo onde o porco bravo levanta hectáreas e hectáreas de cultivo con danos que, no caso dalgunha empresa do sector, chegan a 34.000 €”.

Neste sentido, Rivas criticou o límite de 1.650€ anuais que considera totalmente insuficientes.

“Non pode recaer o peso dunha especie salvaxe nos labradores, e que sempre sexan os mesmos os que pagan as consecuencias. Este tope é unha parvada, porque cando a un produtor lle levantan un invernadoiro unha e outra vez e lle esnaquizan os cultivos 1.650€  é unha asneira. Eu vin plantas hectáreas de allo do país completamente fozadas e iso costa moito máis, sobre todo se tes un compromiso de abastecemento do produto con grandes superficies, iso non é unha broma”, argumentou para reclamar que as axudas compensen as perdas provocadas polos ataques do xabaril.

Rivas tamén foi moi crítico co que considera a última ocorrencia do Executivo de Feixóo que, para atallar a sobre-poboación desta especie se saca da manga a declaración de emerxencia cinexética, “de tal xeito que en 33 concellos deste país van andar día e noite as balas asubiando, se vas aos cogomelos un xoves ou un domingo hai que ter coidado”, advertiu. “Non son tempos de solucionar o problema a tiros e a lazo”, recalcou.

Ademais, o BNG considera que esta medida vai xerar unha presión cinexética sobre outras especies e lamenta que se tente trasladar aos TECORES o control dunha especie salvaxe.

Teléfono que non contesta

Tamén criticou o mecanismo que a Xunta ten en marcha para atender as reclamacións dos produtores afectados por ataques de porco bravo, “un teléfono que non contesta ou sae unha máquina, cando o que debería haber é unha persoa amable que transmitira tranquilidade, que colla os datos e que aporte solucións”.

En definitiva, sintetizou Rivas, Medio Rural “está tomando decisións sen rigor científico, non teñen un censo da especie porque non queren e iso é básico para tomar unhas medidas sensatas”. O deputado do Bloque volveu reclamar a elaboración dese censo, un plan de xestión da especie e un protocolo de bioseguridade, para facer fronte, por exemplo, a peste porcina que xa detectaron países como Bélxica.

“E mestres iso pasaba a Xunta estaba coa ocorrencia de envasar e vender a carne do xabaril, outra máis como a de buscar unha solución a base de rifles e balas xerando un perigo para os cazadores e para as persoas que viven ou desfrutan do rural”,concluíu.