Desde que en 2013 a Xunta deixase abandonada e en mans da xestión privada a Illa de San Simón e de San Antón estes espazos públicos cargados de contido e simbolismo en termos de memoria histórica acolleron actividades do máis dispar, algunhas delas mesmo ofensivas para as vítimas da ditadura e dos seus familiares.

A pinga que colmou o vaso, en expresión do deputado Luís Bará, foi a recente difusión por parte dunha empresa privada dunha festa de samaín anunciada como de “aventura terrorífica” coincidindo coas datas en que centos de persoas presas foron sacadas da illa de San Simón para ser asasinadas polo réxime franquista. “Pode haber maior mostra de insensibilidade por parte do PP?”, interpelaba o deputado nacionalista.

Por iso, Bará levou ao Parlamento unha proposición non de lei con tres demandas concretas: que a Xunta faga cumprir a Lei de Patrimonio Cultural que indica como obrigatorio que os BICs, -caso da Illa de San Simón-, dispoñan dun plan especial de protección; , que cesen todos os usos hostaleiros por parte de empresas privadas e que o Goberno galego garanta que se cumpre o acceso non lucrativo a illa. Todas elas foron vetadas polo PP.

“Temo claro desde o BNG que San Simón debería ser a illa da memoria, como primeiro paso para ser moito máis”, salientou o deputado pontevedrés, que na PNL centrou as propostas de protección dese espazo. “Non se deberían facer moitas das cousas que agora vemos, como quedou claro nas concesións destas illas desde o Estado á Xunta e a súa condición de BIC como sitio histórico, que supón unha restrición e limitación nos seus usos”, explicou.

Bará sostivo que a Xunta está incumprindo os termos en que o Estado fillo a concesión deste espazo público, que debería ser preferentemente de uso cultural e docente, pero a día de hoxe a illa está baleira por decisión do Goberno do PP e despois de levar a cabo unha rehabilitación das diferentes edificacións e do entorno cun investimento de doce millóns de euros.

“Os usos culturais son hoxe papel mollado pese á denominación das edificacións que falan dunha casa da cultura e deportes do mar, dunha escola de vela, dunha residencia, dun auditorio ou dun centro de interpretación e documentación que non existe máis aló dunha exposición”, explicou o deputado nacionalista, quen criticou que se estragara o traballo feito polo bipartito que mesmo chegou a crear a fundación da Illa San Simón para desenvolver un plan de usos coherente dando prioridade as actividades culturais e educativas. “O Goberno de Feixóo limitouse a inventar o concepto da illa do pensamento que resultou ser un bluf”, ironizou.

Tras desaloxar da illa ao IGADI e a Fondo galego de cooperación, a illa quedou baleira e sen usos ante a falta de interese e de iniciativa da Xunta por facer unha programación pública, baleiro que foi substituído deixando facer a empresas privadas que levaron a cabo propostas totalmente banais cando non fora de lugar, e que mesmo supuxeron a frivolización dun espazo “que ten moita historia e moita memoria viva que ten que ver cos sentimentos das persoas”, subliñou Bará, en referencia a mencionada festa-temática do samaín.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario