O BNG pide á Xunta que poña en marcha unha liña de axudas para garantir as rendas dos e das traballadoras da frota do xeito e do racú mentres persista o peche da pesquería da sardiña, en particular naqueles casos no que @s tripulantes non teñan ningunha outra alternativa pero tamén para evitar a sobreexplotación doutros recursos pesqueiros.

Con este propósito, a formación nacionalista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias, nas que subliña tamén o carácter artesanal da frota de 427 embarcacións do xeito e dunha ducia de racús, cuxas artes minimizan o impacto ambiental e se caracterizan polo seu carácter de pesca sustentable.

A portavoz de Pesca, Montse Prado, critica a inacción política da Xunta pese a ter competencias exclusivas sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, tal e como establece o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e, en consecuencia, pode  regular sen inxerencias a pesca artesanal como é o caso do xeito.

“A consellería de Pesca nin sequera mantivo un encontro co sector, e a pregunta é por que permite o peche da pesquería por parte do Goberno central se é Galiza quen ten a competencia nesas augas”, denuncia a deputada. O Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación ven de publicar unha resolución pola que establece o peche da pesquería da sardiña en augas ibéricas das zonas Cien VIIIc e IXa, desde o 13 de xullo de 20018.

“Esta medida ten unha grave repercusión para unha arte tradicional que, por contra,  ten unha incidencia pequena sobre os bancos de sardiña. Unha actividade profesional pesqueira que leva a cabo un sector estratéxico, tanto pola súa dimensión social como polo seu peso económico en moitas vilas costeiras polos ingresos que xera nas mesmas”, explica Prado, quen volve reclamar á Xunta que, precisamente por ese carácter artesanal, o xeito e o racú deben quedar exentos de Tacs e cotas e para iso o Goberno de Feixóo só ten que utilizar as competencias que lle da o Estatuto de autonomía.

“A Xunta xa debería ter solicitado esa exclusión ao Goberno central como ten solicitado reiteradamente tanto o BNG como o propio sector”, recalca. Este tipo de frota artesanal concéntrase nos portos das Rías baixas, en particular Rianxo, Cambados, Illa de Arousa, Redondela.

Deja un comentario