A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou ao conselleiro de cultura que futuro agarda ao Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Galego das Artes da Imaxe tras permanecer longo tempo sen dirección e con continuos recortes nos recursos económicos. Os centros culturais, dixo, “están desmantelados polas políticas do PP da última década”.

No CDG, explicou Rodil, puxeron a andar o concurso público para renovar a dirección no mes de agosto a pesar de coñecer a decisión da directora de abandonar o cargo, dende o mes de maio. “Unha remuda, produto das demandas do sector do teatro para a necesaria refundación do Centro Dramático Galego”.

Por outra banda, o Centro Coreográfico Galego quedou sen dirección en outubro co cese de  Mercedes Suárez, cese  acompañado de “durísimas críticas de  profesionais da danza” a súa xestión.

Para a deputada, o  Centro Coreográfico leva dez anos “durmindo o soño dos xustos”. Anos, recalcou,  de inactividade e  sen producións propias, sen plan de actuación para as artes do movemento, con contas opacas e “incompatibilidades non xustificadas” por parte da que fora a súa directora durante 9 anos.

De igual maneira, indicou que  permanece descabezado o Centro Galego das Artes da Imaxe, o histórico CGAI.

Os recortes do Partido popular son evidentes e as cifras falan por si soas. Nos Orzamentos para 2020, o Centro Dramático Galego, “250 mil euros menos”, o Centro Coreográfico Galego, 100 mil  euros menos que no ano 2019 e  o Centro Galego das Artes da Imaxe percibirá  50 mil euros menos de orzamento. Sen embargo, o PP gábase de que “1 de cada 3 euros da consellería de Cultura será destinado  ao Xacobeo 2021”. Quizais deberíamos resucitar o pelegrín para e poñelo á fronte das unidades de produción da AGADIC a ver se así as consideran vostedes unha prioridade, ironizou a deputada.

Sen dirección e sen orzamentos, cada vez quédannos menos dúbidas de que a folla de ruta do Partido Popular para estas institucións culturais sexa “o progresivo desmantelamento” por iso, dende o BNG preguntamos que vai facer a Xunta coas dirección do CGAI e o Centro Coreográfico.

O PP anuncia un novo estatuto para AGDIC sen comunicar nin negociar co sector

Tras a resposta do conselleiro de Cultura  anunciando un novo estatuto da Axencia Galega de Industrias culturais, a nacionalista mostrou a súa sorpresa por un anuncio que “non foi comunicado nin negociado co sector”. Que casualidade, explicou Rodil que hoxe o BNG presente esta pregunta e cultura anuncie, como sacando “un coello da chistera” un novo estatuto do que ninguén ten noticia. Si o Partido popular está disposto a resolver o problema dos nomeados centros culturais, “acepten a emenda que o BNG presenta aos orzamentos do 2020” para impedir que continúen os recortes.

 

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario