O Goberno de Feixóo “debe asumir responsabilidades políticas pola xestión neglixente que fixo durante a vaga de lumes de outubro, porque tomou decisións erróneas na xestión contra os incendios e porque é imposible que haxa cambios senón se mudan as persoas que están á fronte da política de medio rural, nomeadamente o director xeral de Montes, -Tomás Fernández-, que leva décadas marcando unha política forestal fracasada, pirómana que pon en risco o noso territorio”, segundo salientou Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG.

Por isto, o partido nacionalista presentou as súas propostas para a elaboración do ditame da Comisión parlamentaria de estudo das reformas da política forestal e prevención dos lumes, que van nunha dobre dirección. Por un lado, o esclarecemento do sucedido durante a tráxica vaga de lumes de outro coa consecuente asunción de responsabilidades políticas, e por outro as medidas para minimizar o risco de incendios en Galiza.

Hai dous ámbitos. O primeiro representa case unha obriga moral que é determinar que fallou para que en dous días ardesen 40.000 has con consecuencias catastróficas ambientais e económicas e, sobre todo, de perda de vidas humanas, así como as medidas a adoptar para evitar que se repita”, salientou Pontón.

E un segundo ámbito que afecta aos cambios estruturais “para reducir ao mínimo a incidencia do lume que pasa por actuar na política de ordenación forestal, territorial e do medio rural”, indicou.

Pontón e o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, presentaron as propostas do Bloque para o ditame da comisión citada que, pese a nacer “eivada” polas imposicións do PP, deixou claro que “Feixóo mentiu cando dixo que había tramas incendiarias, que se adoptaron medidas temerarias como reducir os efectivos de extinción nun momento de máximo risco e que deixou en evidencia a descoordinación e a situación de caos na xestión da vaga”, criticou a portavoz nacional.

 

As propostas

O BNG recolle a elaboración dun Plan ordenación do monte fronte aos lumes, a través da figura de planificación de plan territorial integrado, que defina tipo de monte, usos, franxas de seguridade e  as plantacións en mosaico, “vitais para conter os incendios” subliñou Rivas, “porque implica acabar coas extensión quilométricas de masas forestais ininterrompidas, moitas pirófitas”.

En concreto, esa estrutura en mosaico do monte supón alternar masas forestais cunha extensión máxima de 50 hectáreas, con extensións de pradaría ou de especies autóctonas que actúen como cortalumes en caso de incendios. Igualmente, entre as propostas nacionalistas: Moratoria na plantación de eucaliptos que xa supera a prevista até 2032 e recuperar 40.000 hectáreas ilegalmente plantadas en terras agrarias.

Outra medida clave do BNG é acabar coa reforestación masiva do monte porque provoca un desequilibrio tanto ambiental como económico, pois fai caer o prezo da madeira, e orientar a política forestal cara un uso multifuncional do monte que inclúa a produción de madeira de calidade, actividades como apicultura, plantas medicinais e aromáticas, turismo natural e patrimonial, explotación da biomasa con pequenas plantas espalladas polo territorio e unha aposta pola biodiversidade.

Neste sentido, Rivas advertiu da incoherencia de facer “unha posta de largo do plan forestal da Xunta sen antes ter finalizado o informe da comisión que debe establecer o rumbo da política de ordenación do monte e da loita contra os lumes”, denunciando que a política forestal non pode estar imposta por dúas empresas privadas, -ENCE e Finsa-, senón que deber responder ao interese público.

O BNG tamén inclúe como proposta a substitución das brigadas municipais e das brigadas de montes por un dispositivo de extinción público, profesionalizado e de mando único.

Non vale o continuísmo ante un monte convertido en polvorín”, sentenciou Pontón.

Deja un comentario