O BNG ven de rexistrar no Parlamento o plan de traballo que recolle as comparecencias e a solicitude de documentación de cara á Comisión de investigación do accidente do Marisquiño. A formación nacionalista encara esta comisión cun dobre obxectivo: Esclarecer os feitos e dirimir responsabilidades políticas e garantir a seguridade nos espectáculos públicos masivos.

“O primeiro é saber que pasou, por que un espazo que estaba nun estado de abandono se utilizou para un evento ao que asistiron miles de persoas, -por iso é preciso dilucidar as responsabilidades políticas do concello, do porto de Vigo e da Xunta-. E, e en segundo lugar, queremos que a comisión sirva de cara ao futuro, para mellorar a xestionar dos grandes eventos e espectáculos públicos multitudinarios, para garantir a seguridade, que debe ser absoluta prioridade por parte das administracións”, salientou o deputado por Pontevedra e portavoz do BNG na comisión, Luís Bará.

Bará lembrou que a Lei galega de espectáculos “estreouse” con este grave accidente e amosouse especialmente crítico co enfrontamento entre as tres administracións implicadas, más interesadas en buscar culpables e escorrer o vulto que en poñer solucións e atender ás persoas afectadas.

“Hai que mellorar a colaboración institucional”, recalcou, porque ao lado das vítimas, “o peor deste sinistro foi o lamentable espectáculo entre administracións, o enfrontamento permanente e a liorta por intereses partidistas”, alegou. De feito, ese conflito permanente entre Concello e Xunta “está provocando até risco para as vidas das persoas”, ademais de privar a Vigo de importantes servizos, equipamentos e infraestruturas.

No plan de traballo rexistrado hoxe no Parlamento, o BNG solicita a comparecencia do presidente da Xunta, do alcalde de Vigo e do presidente da Autoridade do Porto vigués, así como dos responsables políticos e técnicos de todas as administracións implicadas na autorización, xestión e realización do evento. E, por suposto, representantes das persoas afectadas e da empresa organizadora.

Entre a documentación: Plans do porto, plan de protección do festival, toda a documentación do Porto de Vigo relativa á autorización e cesión de espazos para a realización do Marisquiño, información sobre situación dos espazos portuarios en que se desenvolveu o certame, especificamente da zona do sinistro.

En relación ao Concello de Vigo, documentación relativa á tramitación, autorización e supervisión do festival, documentación relativa ao estado da zona do accidente, e tramitación municipal de permisos. E no caso da empresa, documentación relativa ao operativo de seguridade do festival, ao operativo de emerxencias e a resposta sanitaria fronte ao accidente desde o día que se produciu até a actualidade.

Deja un comentario