Ana Pontón denuncia que os recortes de Feixóo elevaron a 752 euros o custe medio do inicio de curso escolar en Galiza, con salarios á cola do Estado

Reunión entre representantes do BNG e organizacións educativas / Bloque Nacionalista Galego

Galiza era un dos territorios coa volta ao cole máis económica para as familias, pero os recortes que chegaron da man do goberno de Alverto Núñez Feijóo cambiaron esta situación polo que o BNG ven de presentar unha batería de medidas no Parlamento para alixeirar a actual carga económica que supón para as familias o inicio do curso escolar, cunha media de 752 euros nun país onde os salarios están á cola do Estado.

Entre esas medidas, o BNG propón recuperar a gratuidade dos libros de texto ao 100%, que suprimiu o Goberno do PP. “As políticas de Feixóo implicaron unha asfixia do ensino público e en dez anos hai un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros, pecháronse 136 escolas unitarias e 876 unidades, e neste curso hai menos docentes que antes da chegada do actual presidente da Xunta”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón.

A estes datos súmanse os nefastos efectos da LOMCE en termos de desgaleguización, de deterioro dos dereitos de profesorado e alumnado, a tendencia cara un ensino elitista e clasista que perde o seu carácter laico e a perda de peso do galego na educación pública, tamén da man do “decreto da vergoña” aprobado polo PP que impide usar o idioma propio no ensino de materias como matemáticas, física ou química.

Por iso, o Bloque presenta na Cámara un conxunto de medidas que, ademais de recuperar a gratuidade dos libros de texto, tamén defende a redución da ratio de alumnado por aula en todos os niveis, propoñendo que non supere a cifra de 15 escolares na etapa infantil, 20 na etapa de ensino obrigatorio e 25 nos cursos de bacharelato, incluíndo ao alumnado que repita curso.

Ademais, a formación nacionalista insiste en derrogar a LOMCE en particular nos aspectos máis lesivos, demanda que cando menos a metade das materias se impartan en galego e que se suprima o decreto da vergoña e, no que se refire ao ensino universitario, propón incrementar o financiamento das universidades en 30 M€ á marxe da negociación para un novo plan de financiamento.

Todas estas iniciativas foron anunciadas pola líder do Bloque tras un encontro cunha delegación da CIG-Ensino, de Anpas Galegas e do sindicato estudantil Erguer.

Deja un comentario