BNG | Redacción Galiza

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclamou ao SERGAS que contrate a todos os e as profesionais que en apenas uns días van finalizar a formación MIR nos diferentes hospitais do país, para aproveitar a todo ese persoal cualificado e formado con recursos públicos e, ao mesmo tempo, evitar o peche de camas durante o período estival.

Prado instou á Xunta a mudar a “receita fracasada” de recortar camas no verán e a buscar alternativas, “porque non parece moi intelixente repetir unha formula que se ten demostrado que non funciona” para solucionar un problema como é o da falta de persoal na sanidade pública e o recorte de camas, “estamos a tempo de non seguir cometendo os mesmo erros”.

A deputada foi moi critica co “escurantismo” que mantén o PP en relación ao peche de camas e á planificación de efectivos  durante os meses do verán. “Desde o ano 2008 non hai ningún acordo consensuado para planificar o traballo nos hospitais públicos nos meses estivais, nin un só acordo durante nove anos,  e temos colapso de servizos, deterioro asistencial e unha política laboral que se traduce en maior precariedade”, denunciou.

A portavoz parlamentaria de sanidade reclamou contratos estables e de calidade, “e non contratos por semanas e mesmo por días, ou dicirlle aos profesionais dos PACs que se queren vacacións teñen a metade do cadro de persoal que facer o traballo da outra metade, iso é o que está facendo o SERGAS”, alertou a deputada do Bloque.

Por iso, a formación nacionalista instaba ao Goberno galego a non pechar unidades de hospitalización, e a realizar as contratacións e substitucións precisas de persoal para non proceder ao peche de camas nos centros hospitalarios. “O lóxico é ter operativos todos os recursos dos que dispón o SERGAS, entre eles camas e quirófanos, en lugar e facer derivacións de persoas doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis, susceptíbeis de ser usados nos centros públicos”, concluíu Prado, criticando o veto do PP.

Deja un comentario