BNG | Redacción Galiza

O BNG denuncia o colapso do servizo de urxencias nos hospitais do SERGAS que cualifica de “estrutural” tras anos de recortes do PP no sistema público de saúde, e por iso presentou unha moción parlamentaria reclamando a cobertura de 6.000 prazas para acabar coa precariedade e a falta de profesionais na sanidade.

“Propoñemos repoñer o persoal eliminado e presentar un plano de estabilidade de emprego para negociar de inmediato coas partes implicadas, que permita establecer un cadro de persoal coas ratios axeitadas para ofrecer unha calidade asistencial digna, rematar coa precariedade na contratación, e convocar a totalidade das case 6.000 prazas vacantes”, salientou a portavoz de sanidade, Montse Prado.

A deputada recalcou que o problema de colapso nas urxencias hospitalarias non obedece a picos puntuais causados pola gripe, “senón que se trata dun problema estrutural que non se soluciona a base de parches, por contra, require investimentos, dotación de persoal e medios”. “Falta material, faltan recursos, falta persoal, e por iso en moitos dos servizos de urxencias dos hospitais do país están nunha situación extrema”, recalcou.

“Uns servizos de urxencias que atenden unha media de pacientes diaria moi alta, con doentes cada vez de maior idade e con pluripatoloxías, en medio da consigna para que os ingresos sexan mínimos, aumentan as cirurxías ambulatorias, pechan camas, medran as listas de espera, sube a cifra de doentes oncolóxicos e precarízase máis a atención primaria o que, a súa vez, implica unha maior saturación das urxencias”, explicou Prado.

Por iso, a moción do BNG vetada polo PP reclamaba subsanar os déficits de persoal e as deficiencias existentes nos servizos de urxencias dos centros hospitalarios do Sergas, “denunciadas sistematicamente polo persoal que presta os seus servizos nos mesmos”, e adoptar as medidas precisas para que as unidades de hospitalización estean abertas e funcionando coa totalidade dos recursos de que dispoñen.

Completaba a moción do Bloque a proposta para abrir de inmediato as plantas pechadas e as bloqueadas nos centros hospitalarios da rede pública e un Plan de mellora de atención primaria cos recursos precisos, tanto humanos como materiais, “fundamental para que se acabe coa saturación nas urxencias”, recalcou.

Expulsión no Meixoeiro

O voto en contra do PP deixa claro a súa falta de vontade para solucionar a saturación das urxencias. “Ningunha vontade para escoitar, nin para dialogar co persoal”, denunciou Prado, como demostrou onte mesmo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, permitindo a expulsión de traballadores e traballadoras nunha reunión no salón de actos do Hospital Meixoeiro, convocada precisamente para escoitar aos profesionais da atención primaria.

“Este é o xeito que ten o PP de abordar os problemas da sanidade, non escoitando os problemas que ten o persoal, un persoal que está a dar a cara, a facer o seu traballo o mellor posíbel nunha situación límite”, concluíu a portavoz de sanidade.

Deja un comentario