BNG | Redacción Galiza

O BNG propuxo hoxe no Parlamento a creación dunha Mesa por Ons que integre a todas as partes interesadas no futuro e na preservación da illa, espazo ambiental e patrimonial de enorme riqueza. A medida foi formulada na Comisión de ordenación territorial polo deputado por Pontevedra, Luís Bará, quen explicou as “catro patas” que integrarían esa mesa.

“No BNG apostamos polo diálogo e pola colaboración e por iso propoñemos a creación desta Mesa por Ons integrada en primeiro lugar pola Xunta,  -que debe liderar porque ten competencias a través de distintas consellerías-, a segunda pata sería o Concello de Bueu, a terceira a Asociación veciñal que leva décadas reivindicando melloras nos equipamentos da illa e, finalmente, o padroado do Parque das Illas Atlánticas, que ten moito que dicir na xestión de todo o conxunto”, explicou Bará.

Nesa Mesa por Ons, o Bloque propón “abordar cuestións transversais como o desenvolvemento do PERI, -que debe ser o marco para todas as actuacións-, igualmente pode tratar todo o relacionado co ARI, un plan de melloras de servizos na Illa como o subministro eléctrico e de auga, así como estudar fórmulas para que as persoas residentes en Ons podan acceder a titularidade das vivendas, ademais de promover un turismo responsable neste enclave”, explicou Bará.

Para o deputado nacionalista, a creación desta Mesa por Ons sería un exemplo de diálogo e de colaboración entre institucións e serviría para deixar atrás o “sectarismo político” demostrado até agora polo PP co concello de Bueu, ao que ignorou en todo o proceso de declaración do ARI da Illa de Ons.

“O PP desde a Xunta fixo un uso partidista das institucións sen contar nunca co concello cando sería o mínimo desde o punto de vista do respecto institucional, pregúntome se farían o mesmo se se tratase dun concello do PP”, recriminou Bará, “o lóxico é que falen co Concello”. “Sexamos ambiciosos e propoñan unha actuación participada buscando o máximo acordo posible das institucións e da veciñanza”, concluíu.

Deja un comentario