O BNG defendeu no Parlamento, a través dunha moción, que a Xunta adquirise e incluíse no sistema público de saúde o hospital POVISA, en proceso de compra venda por parte dunha empresa nacida ao amparo das privatizacións sanitarias do PP de Valencia, pero a proposta no prosperou polos votos en contra dos populares.

O obxectivo da iniciativa era garantir a calidade asistencial de 135.000 galegos e galegas de Vigo e do Morrazo, así como os postos de traballo e dereitos laborais de 1.400 traballadores e traballadoras.

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, criticou que a Xunta seguise “inxectando diñeiro público no centro hospitalario que agora van deixar caer en mans dunha empresa salpicada por casos de corrupción”, en relación a Ribera Salud, que a súa vez forma parte da multinacional norteamericana Centene.

“Como é posible que unha empresa que estaba en concurso de acredores sexa de interese dunha multinacional?”, se preguntaba Prado, “porque non está comprando un hospital privado senón unha capacidade de presión brutal, se antes éramos reféns de Silveira agora seríamos da multinacional Centene”, advertiu, tras salientar que para a poboación de referencia afectada na área de Vigo e do Morrazo “a sanidade privada non é complementaria senón substitutiva da sanidade pública”.

A moción do Bloque instaba ao Parlamento a posicionarse en defensa da sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade, e a súa posición contraria a que unha multinacional con sede en Missouri pase a xestionar a saúde pública de 135.000 galeg@s.

Igualmente, propoñía realizar todas as actuacións precisas para adquirir  POVISA de cara a incorporalo á rede pública, para que doentes e persoal deixen de ser reféns permanentes da empresa, garantindo o dereito a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade.

A moción vetada polo PP tamén incluía que, de non realizar a compra de inmediato, a Xunta iniciase o proceso de declaración de interese público do centro para realizar a súa adquisición de ser preciso preservar un servizo esencial e garantir a atención sanitaria e os postos de traballo.

En tanto non se integre na rede do SERGAS, – reclama o BNG-, actuar como garante da calidade da atención sanitaria da poboación adscrita a este centro, velar polo mantemento dos postos de traballo e os dereitos laborais e, con este fin,  crearase unha comisión de control e seguimento do concerto que conte con presencia dos representantes dos e das traballadoras.

O BNG solicita igualmente unha auditoría das contas e da xestión do concerto co SERGAS para saber cal é o uso que se fai cos cartos públicos, se se destinan á prestación sanitaria concertada ou para atender a parte privada, incluíndo un informe no que conste información desagregada do gasto que destina a prestar unha atención sanitaria pública diferenciada da privada.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario