A parlamentaria do BNG, Montse Prado  instou hoxe ao goberno a dotar dun servizo permanente, como mínimo dunha ambulancia  de Soporte Vital Avanzado  á comarca do Salnés.

Para a deputada nacionalista, “a falta de recursos sanitarios para a  atención de urxencias pon en risco permanente a saúde dos e das veciñas do Salnés” e roza, na súa opinión, “a temeridade.

A través dunha proposición non de lei, a deputada  reclamou unha “ambulancia medicalizada” e indicou que a A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 vai sacar de novo a concurso o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre, polo que exixiu  que se inclúa á comarca do Salnés “unha ambulancia permanente, 24 horas ao día, os 365 días do ano, dotada permanentemente cun equipo humano composto por médic@, enfermeir@, e 2 técnic@s en transporte sanitario urxente”.

A parlamentaria explicou que  a poboación supera os 115.000 habitantes  que se multiplica en épocas do ano de maneira especial durante o  verán ao que sumou os riscos do traballo no mar e unha  alta sinistralidade viaria, circunstancias que  requiren recursos sanitarios. Na actualidade o Hospital non conta con UCI, tampouco  cardiólogo de garda e a  ambulancia medicalizada máis próxima está en  Pontevedra, servizo que debe ademais atender   a unha poboación de máis de 300.000 habitantes e que  tarda unha media de 30 minutos e  arredor de 50 no caso da Illa ou Catoira.

Por outra parte, dixo, a demanda sanitaria  segue medrando e  os servizos de urxencias das ambulancias con base no Salnés: O Grove, Sanxenxo, Cambados e Vilagarcía, aumentaron unha media do 20% entre 2014 e 2018.

Dotar ao Salnés dunha ambulancia medicalizada, recalcou Prado, é unha cuestión de “xustiza” e   a Xunta e o PP non poden seguir arriscando a saúde dos veciños e veciñas  do Salnés. O tempo empregado na atención de unha urxencia, recalcou, é  “un factor esencial”.

A parlamentaria do BNG lamentou, que unha vez máis, o grupo maioritario do Partido popular rexeite unha demanda, ao seu entender,  máis que xustificada xa que  os recursos sanitarios no Salnés non permiten a atención de patoloxías graves, nin a maior parte das veces, prestar asistencia médica in situ a doentes de extrema gravidade, así como tampouco  asistilos con persoal facultativo e de enfermería durante  traslados a un centro hospitalario, ao carecer  de ambulancia medicalizada, concluíu.