Concelleiros e concelleiras do BNG de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Dozón, acompañados dos deputados do BNG, Montse Prado e Luís Bará fixeron entrega de máis de sete mil cincocentas sinaturas no Rexistro do Parlamento galego para reclamar unha ambulancia medicalizada  para a comarca do Deza.

Luís Bará explicou que as sinaturas responden á campaña do BNG para dotar a comarca dunha ambulancia medicalizada, unha demanda, dixo, “unánime e compartida pola maior parte das forzas sociais e políticas” que mesmo  deu lugar a acordos nos diferentes concellos. Sen embargo, engadiu o nacionalista,  o Partido popular continúa sen querer escoitar esta reclamación como xa  demostrou votando en contra das iniciativas que o BNG defendeu no Parlamento galego. Neste sentido,  anunciou que o BNG  continuará denunciando a “discriminación e agravio que padece unha comarca” cunha grande dispersión de poboación e co centro hospitalario de referencia en Santiago de Compostela. Esta circunstancia, fai que os tempos longos de desprazamento na comarca do Deza precisan unha rápida resposta  cunha terceira “ambulancia medicalizada” e non “un vehículo de apoio” como anunciou  o propio Presidente da Xunta.

Asemade, o BNG rexistrou hoxe unha proposición non de lei e diversas preguntas co fin de trasladar novamente este debate ao Parlamento galego. Por outra parte, asegurou que a mobilización e a concienciación social é fundamental como demostra o apoio á iniciativa do BNG sobre a recollida de sinaturas. O deterioro e desmantelamento da sanidade pública debe ser denunciado, afirmou o nacionalista polo que apelou a participar na vindeira mobilización prevista para o día 9 de febreiro en Santiago de Compostela onde estará moi presente a reivindicación da ambulancia medicalizada para a comarca do Deza.

Pola súa parte, Ariadna Fernández, membro do BNG de Lalín, cualificou de “éxito” a campaña de recollida de sinaturas e agradeceu o apoio das miles de persoas que se achegaban para firmar. Dende o BNG, afirmou, fixemos un “esforzo titánico” e agora agardamos que todas esas sinaturas sirvan para resolver o grave problema que temos na comarca, un problema, dixo, que xa rexistrou un falecido pola falta dunha ambulancia medicalizada.

Ariadna Fernández, na mesma liña que o  deputado Luís Bará reiterou que a “sanidade pública se atopa nun estado vergoñento polos continuos recortes” do goberno galego e hoxe máis que nunca é necesario denunciar esta situación para non incorrer en errores recentes. A saúde é un ben moi valioso e os que nos gobernan deben escoitar as reclamacións da sociedade. Confiamos en que a sinatura de máis de sete mil cincocentas persoas chegue a eses gobernantes e pronto contemos cunha ambulancia medicalizada na comarca do Deza, concluíu.