A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o concello de Culleredo onde abordou da man do portavoz municipal, Antonio Chouciño,  dous dos graves problemas que soporta este concello da área metropolitana da Coruña con 30.000 habitantes e gran puxanza demográfica: a situación de caos na planificación educativa e a deficiente mobilidade pola falta de conexión coa AP9.

Nun encontro con nais e pais no IES Rego da Trabe, e tras escoitar as súas demandas, Pontón anunciou que trasladará ao Parlamento unha iniciativa para crear unha mesa de diálogo a tres bandas, -comunidade educativa, concello e Xunta-, para buscar solucións a saturación dos centros educativos e á falta de planificación.

“Culleredo soporta unha xestión calamitosa no ámbito educativo, con alumnado en centros que non lles corresponde, con IES saturados, onde espazos que deberían albergar bibliotecas ou laboratorios son ocupados por aulas restando calidade no ensino, mentres se da o contrasentido de que apenas a 200 metros hai infraestruturas educativas infrautilizadas”, argumentou Pontón.

A dirixente do Bloque considera que é hora de buscar unha solución porque o problema non deixou de medrar ao longo dos últimos cursos. “Basta xa e urxe unha mesa de diálogo entre a comunidade educativa, o concello e a Xunta que permita abordar os problemas de planificación, de masificación de centros educativos e de infrautilización doutros”, recalcou, tras atribuír a pésima planificación educativa no concello á política do PP nesta materia “de favorecer o ensino privado en detrimento do público”.

O portavoz municipal afondou nesta cuestión ao salientar que o problema de saturación en todas as franxas educativas, -primaria, secundaria e bacharelato-,  aínda podería ser peor “se se computaran ás familias que optaron por escolarizar aos seus fillos e fillas en centros concertados ou privados ante os problemas de planificación que soporta Culleredo”. “A organización é caótica porque a Xunta é incapaz de planificar o sistema educativo neste concello e, mesmo tendo infraestruturas infrautilizadas, hai alumnado que tocándolle un centro vese obrigado a ir a outro”, recalcou Chouciño.

Mellorar a mobilidade

A segunda cuestión abordada na visita da portavoz nacional foron os problemas de mobilidade nun municipio atravesado pola AP9, a A6 e o tren, -infraestruturas que actúan máis como barreiras que como conexións-. Para mellorar esta situación, o BNG tamén vai presentar iniciativas no Parlamento.

En concreto, unha proposición non de lei para poñer sobre a mesa a conexión do concello coa AP9 a través da área de servizo de Almeiras, “que permitiría a conexión coa  autoestrada e tamén co aeroporto cun menor impacto ambiental, cunha mellora substancial da mobilidade e que suporía un custe de execución dez veces inferior á alternativa que se propón desde o concello”.

A formación nacionalista destaca que esta proposta non suporía afectación algunha para a veciñanza, ao contrario que a opción do vial 18 que obrigaría a expropiar vivendas familiares e multiplicaría o custe desde os 2,5 millóns de euros aos 20 millóns de euros.

Deja un comentario