O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprometeuse a trasladar ao Congreso iniciativas relacionadas coa falta de mantemento do paseo de Bouzas, desmantelado desde hai máis de un ano. Así o destacou na visita que realizou ao barrio xunto a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez Igrexas, onde se reuniron co colectivo veciñal “Bouzas Abandonada”.

“Resulta inaceptable que se produza esta falta de mantemento nun barrio histórico como é Bouzas”, salientou o deputado nacionalista durante a visita, ao tempo que indicou que o obxectivo do percorrido pola zona é “coñecer de primeira man a situación do paseo Valentín Paz Andrade”, que cualificou como “exemplo do desleixo das administracións”.

Neste sentido, avanzou que dará continuidade ao traballo iniciado polo BNG de Vigo, -que xa desenvolveu diversas iniciativas para que a Dirección Xeral de Costas e o Concello informen sobre a paralización da cesión do paseo- mediante a presentación de iniciativas no Congreso que permitan impulsar tanto a cesión como a recuperación deste espazo para a cidadanía.

Néstor Rego tamén expresou a preocupación do Bloque polas intencións da Autoridade Portuaria de ampliar a zona de recheos. “Desde o Bloque poñemos en cuestión que sexan necesarios máis recheos; pola contra, consideramos que é imprescindible un uso racional dos espazo portuario, algo que dubidamos que se estea producindo”, manifestou.

Participación cidadá

Néstor Rego, por outro lado, valorou moi positivamente a implicación da veciñanza na denuncia da situación de deterioro e peche do pase ao longo destes meses, así como a súa preocupación medioambiental. Ao respecto salientou a necesidade de que se potencie a participación da veciñanza no desenvolvemento dos proxectos e no investimento dos cartos públicos. “A participación cidadá é un pilar básico no noso modelo de cidade”, salientou o deputado nacionalista.